O orgullo de Marsha

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

28 jun 2019 . Actualizado a las 01:26 h.

Non tiña ganas de ler máis, só quería desconectar un pouco de tódalas cousas que teño pendentes e que non dou rematado. Decidín que ía desconectar aprendendo, así que comecei a buscar documentais na rede, e de casualidade caín nun chamado The Death and Life of Marsha P. Johnson, dirixido por David France. Vivo no barrio onde ela pasou a súa vida, e paseo acotío pola fonte que leva o seu nome, a fonte que marca o lugar onde apareceu morta no ano 1992, pero non coñecía a vida desta histórica drag queen.

A señora Jonhson foi unha das activistas do movemento polos dereitos da comunidade LGBT. Fixo historia por moitas razóns, pero unha delas é o feito de que formou parte das revoltas do Stonewall Inn de Nova York, tal día coma hoxe, hai cincuenta anos. Unha redada policial que marcou a orixe da loita organizada polos dereitos LGBT, e que foi un dos detonantes dos diferentes movementos pola liberación, dando pé a que durante este mes de xuño celebremos a festa do orgullo.

O documental narra a historia dunha muller cunha vida complexa, unha drag queen que viviu nas rúas, e que lidou non só coa realidade de adiantarse ao seu tempo, senón tamén coa da sida e das drogas do Nova York dos anos 70. Foi modelo de Andy Warhol e pioneira no activismo polo dereitos da comunidade transxénero.