Outros matan máis

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

24 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mil mulleres mortas en España a mans das súas parellas desde o 2003 é unha cifra horrible que provocou a correspondente reacción social e declaracións por parte do Goberno e de diferentes institucións para tentar poñer remedio a esta lacra. Pero os remedios a curto prazo que se foron poñendo non resultaron eficaces e os de prazo longo, como unha educación non sexista, tampouco parece que sexan a panacea. 

Finlandia e Suecia son modelos en educación paritaria e homes non sexistas, e verdadeiros paraísos en axudas sociais que os países do sur miramos con admiración e envexa. Pero resulta que case un 50 % de mulleres deses países aseguran ter sufrido agresións por parte dalgún home da súa contorna, e que Finlandia e Suecia encabezan a clasificación de violencia machista en Europa.

Os españois teñen neste sentido mala fama. Kristina Berg contoume que, cando lle dixo á súa familia que pensaba casar con Carlos Casares, súa nai advertiulle que os españois mataban as súas mulleres se os deixaban ou se lles eran infieis. Con todo, España resulta ser dos países europeos con menor número de mortes por violencia machista. A pesar da nula educación en materia de sexualidade que tivemos, os españois matan menos ca suecos e finlandeses.

É posible que unha boa educación paritaria, unida á toma de conciencia da sociedade, converta o machismo hispano nunha lenda do pasado.