O primeiro retrato creativo de Valle-Inclán é literario e moi fermoso. Tiña 39 anos, levaba nove en Madrid e fíxollo unha moza de 17, Josefina Blanco, actriz da compañía do Teatro da Princesa, que non tardaría en casar con el. Percibe «la figura escueta de un hombre sin edad», de «barba negrísima, un poco en punta, como para caracterizar a Mefistófeles». Tamén a boca longa, entreaberta, arelante, lle parece mefistofélica; pero detrás dos quevedos descobre «los ojos tristes, cargados de melancolía, como si hubieran contemplado todos los dolores del mundo», e decátase de que errara na apreciación: «¿Cómo pude pensar en Mefistófeles al fijarme en el desconocido? Se parecía a Cristo, a Cristo Redentor y humano».
Os mesmos trasacordos deberon de ter os pintores que tentaron apreixar a complexa personalidade do escritor, porque Mariano Tudela conta que Juan de Echevarría «retrató al escritor siempre que encontró coyuntura propicia». E engade: «Echevarría, lanzado a un camino de perfección tortuoso, no encontró jamás su ansiada meta. Rasgaba o rompía, quemaba o regalaba y volvía a empezar. Es difícil saber, con exactitud, el número de retratos que le hizo a Valle-Inclán». Non sabemos cantos, pero o óleo que representa a Valle ergueito nun outeiro, co poncho mexicano, é moi bo.
Tamén Anselmo Miguel Nieto lle fixo un retrato excelente, pode que coa mesma idade que cando Josefina escribía o seu, e coido que ninguén falou dos ollos de Valle nese lenzo; tan burlóns e suxerentes coma os beizos da Gioconda no cadro de Leonardo.
Espléndido é o óleo de Zuloaga dun Valle con pelo e barba longos e brancos, e manco; e excelentes os retratos a liña tracexados por Vázquez Díaz e Maside.
As caricaturas de Valle-Inclán merecen un estudo rigoroso que está por facer. Sorprende que ante un personaxe tan engaiolante, os máis dos caricaturistas non tenten apreixar a súa personalidade e so procuren un reflexo da mesma. Debuxan o personaxe, non o home. Castelao, Bagaría, Sirio, Leal da Cámara, Maribona, Tovar…, excelentes caricaturistas todos, renunciaron a crear unha gran obra con Valle como modelo. A tan celebrada caricatura de Cebreiro é un alarde de habelencia e enxeño, pero nese inspiradísimo garabato, aínda que vexamos a Valle, non está Valle. As máis ambiciosas son de estranxeiros: o mexicano Cabral, o cubano Massaguer, o salvadoreño Salazar… Eu tenteino, con distintas técnicas, en 36 Retratos, caricaturas e visións para o museo de A Pobra, e David Pintor conseguiuno nunha caricatura tan fermosa como expresiva. É o Valle-Inclán que eu imaxino, debuxado con total acerto por el.