As megacidades e nós

OPINIÓN

17 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As cidades son sempre progreso, pois son cultura, produción e desenvolvemento en xeral. Moitos pensan que as megacidades de hoxe van ter a función dinamizadora que tiveron na Idade Media. Pero é ben sabido que as circunstancias de hoxe non son as mesmas, nin semellantes sequera.

En primeiro termo, para ser importante, ningunha cidade ten que ser coma Londres, París, Nova York, Tokio ou Os Ánxeles. Pero si que van ser elementos dinamizadores -en moitas maneiras xa o son- do hinterland que toda cidade importante leva na súa natureza. Hoxe mesmo, Vigo ou A Coruña manteñen un hinterland manifesto, tanto que non se explicarían sen el. E ninguén pon en dúbida que son elementos dinamizadores de todas as vilas desas zonas de influencia.

Sendo xa previamente coñecedores dos grandes problemas que acostuman ter -este é o seu lado negativo-: transporte, vivenda, áreas de pobreza, entre outros, podemos estar en boa situación para adiantarnos a moitos deses problemas e poder idear solucións para que o día de mañá non nos collan co pé cambiado, e non rematemos confundindo progreso con frivolidade.

Porque sen dúbida Galicia ten todas as condicións para ser toda ela unha grande urbe, que é ao que se debera aspirar, pero de maneira que sexa o máis harmónica posible no seu desenvolvemento, e que este axude á vitalidade do resto do país e non a desfacelo ou a deixalo escorado para sempre.

As nosas curtas distancias, os numerosos puntos de poboación e, tamén, as moitas posibilidades que o país ten -se se saben procurar e desenvolver- deben facilitar que as súas dúas cidades máis dinámicas axuden a que todo o país sexa unha verdadeira urbe, coas súas vantaxes e sen as eivas, ou coas menos posibles, xa coñecidas das megacidades de hoxe.