«The New York Times» e a caricatura

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

ANTÓNIO MOREIRA ANTUNES

15 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

António Moreira Antunes é un prestixioso caricaturista portugués, considerado o cronista gráfico da democracia do seu país. Desde 1974 fai caricatura política no semanario Expresso, onde o pasado 25 de abril publicou a do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, con feitío de can e un colar coa estrela de David, guiando a un Trump cego e coa kipá na cabeza, coma un xudeu máis. A viñeta foi reproducida en The New York Times e os berros de destacados dirixentes da comunidade xudía norteamericana, que a cualificaron de antisemita, chegaron ao ceo. Trump, enfrontado aos editores, aproveitou para acusalos de manter acotío esa liña antisemita e, aínda que o xornal recoñeceu o erro e prometeu que non se repetiría un caso semellante, o escándalo seguiu medrando.

É difícil ver antisemitismo na viñeta de António, quen a explicou como una crítica á política de Netanyahu e Trump, «unha política cega que ignora os intereses dos palestinos»; e o colar coa estrela de David, que tanto alporizou ás autoridades xudías, como un «auxiliar de identificación de Netanyahu, non ben coñecido en Portugal».

A hipersensibilidade da diplomacia xudía ante as viñetas satíricas non é nova. No 2009 o catalán Romeu publicou en El País o diálogo entre unha muller española e un xudeu:

-¿Pero cómo puede Israel violar con total impunidad todas las leyes humanas e internacionales?

-Nuestro buen dinero nos cuesta.

O embaixador de Israel protestou ao director de El País, afirmou que a viñeta aldraxaba ao pobo xudeu, e recordou que nela aparecían os mesmos tópicos «antisemitas infamantes de la prensa antijudía en la Alemania nazi». Calquera viñeta crítica coa política de Israel é tachada polas autoridades xudías de «libelo neonazi», unha frivolidade incomprensible que xustifica as voces dos que denuncian o uso que veñen facendo do Holocausto.

The New York Times decidiu prescindir das viñetas satíricas e, aínda que nun primeiro momento me pareceu unha determinación tan absurda coma aqueles arrestos de cadeiras, piscinas e demais materia inanimada que se facían nos recintos militares, hoxe enténdoa. Días despois de reproducir a caricatura de António, publicou outra de Netanyahu, coma un novo Moisés, con túnica e sandalias clásicas, pero con lentes negros e facendo un selfie. O escándalo e as acusacións foron os mesmos e repetiranse con calquera viñeta que trate da política israelí.

Que pensan os caricaturistas xudeus da viñeta de António? Os de The New York Times, que quedan sen traballo, vena claramente antisemita; outros, mesmo os que publican en Israel, non ven o antisemitismo por ningures. É máis, Zeev Engelmayer recoñece a hipocrisía da acusación porque abondan as caricaturas de xefes de goberno con feitío de cans, e citou unha de Tony Blair con colar de simboloxía norteamericana. Ten razón, hai varias; entre elas a que o presentaba coma o can dos gramófonos e discos La voz de su amo.

Custa crer que a rica tradición da caricatura satírica nos EUA, nada no século XIX co alemán Thomas Nast e que acada o cumio co xudeu Arthur Szyk, espertador da conciencia norteamericana ante os horrores do nazismo, poida desaparecer do xornal máis influínte do mundo, vencida pola demagoxia; pero así é. Menos mal que nos queda Europa, de momento.