Un líder con complexo de Lenin

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

04 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Iglesias chegou á política mentres todos os partidos estaban vendo os efectos da crise sen saber como mover un dedo a prol da maioría, mentres os líderes da esquerda na que el fora criado seguían ancorados na forzada inercia da transición. A esquerda collera postura nunha vella engurra e el presentouse como un ferro quente para sacar as dobreces. A súa inspiración non saíu da corte madrileña, senón da experiencia galega de AGE nas eleccións galegas do 2012, na que colaborou como asesor de IU e descubriu a Beiras. Pero sobre todo, e máis importante, el era unha nova cara dun grupo de xente nova e atrevida no momento necesario. Triunfaron no voto popular, racharon o bipartidismo e descolocaron as elites. O seu primeiro fracaso estivo motivado pola súa ansia de hexemonía na esquerda, de liquidación de IU e de superación do PSOE, que incluía un descarado desprezo do pluralismo e que acabou por sublevar a unhas bases socialistas das que saíran boa parte dos seus votos. Logo viñeron outras cousas. Naquela repetición das eleccións do 2016 Podemos decidiu sumar a unha derrotada IU que só lograra dous deputados no 2015. O plan era sumar o millón de votos dos de Garzón coa intención de superar o PSOE e liquidar os restos do PC. O resultado foi que Podemos, sumando a IU, perdeu case un millón de votos e estancouse. Por que non se decataron daquela e corrixiron o rumbo despois daquela repetición das eleccións? Ademais de demoscopia, moita demoscopia, e algo de ideoloxía, os partidos e sobre todo os seus líderes traballan consciente ou inconscientemente con modelos de liderado do pasado. A biografía que está detrás de Pablo Iglesias é a de Lenin; en todo o que fai e en moito do que di está a idealizada lectura de Lenin como líder mitolóxico de certa esquerda.

Hoxe pode parecer outra cousa, pero o certo é que case todos os líderes e referentes de Podemos reaccionaron en 2016 e nos meses posteriores con intelixencia e críticas construtivas, pero todos foron desaparecendo (Bescansa, Luis Alegre), separándose (Errejón) ou defendéndose do pablismo-leninismo (Kichi). Tamén puxeron distancia os mundos plurinacionais vinculados a Podemos (Domènech -Comúns-, Baldoví -Compromís-) e derivados (Carmena) ou foron separados como en Galicia. Os que desapareceron da foto co líder foron substituídos polos máis fieis (Echenique), con Monedero facendo o caneco como garda pretoriana do seu colega. Podemos perdeu así a súa propia pluralidade interna. Non podía ser doutro xeito porque a clarificación fronte á -suposta- ambigüidade tamén é marca indeleble do leninismo. A outra marca é que só pode haber un líder. Unha marca inevitablemente machista. Só pode quedar un como na maldición dos inmortais. Pablo Iglesias está politicamente derrotado e internamente asediado. O seu liderado está caendo na caricatura. Pasou da brillantez disruptiva de quen representaba ideas e formas novas á deformación máis coñecida do líder. A literatura ven á memoria, o Calígula de Camus ou o Laudamuco de Vidal Bolaño. De Galicia non falamos hoxe. Estilo Paco Pixiñas.