Rexeitar a palabra

OPINIÓN

28 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense escrito moito sobre o espectáculo que certos políticos deron o pasado día nas sesións do Congreso. E non é para menos. Porque o grave do caso é a imaxe de pouca educación que algúns deles, e non só os máis ultras, comunicaron á sociedade que os elixiu. É de supoñer que esa sociedade sinta hoxe grave frustración.

Non deixa de ser frustrante que cos berros, urros e patadas no chan se procurase, sen a menor dúbida, ou facer calar aos que falaban ou substituír as palabras polo boureo, que non fose posible a normal comunicación, de maneira que os boureos se convertesen en sucedáneos das palabras. Non hai a menor dúbida de que unha actitude semellante só demostra moi pouca educación e, tamén, un certo primitivismo.

A sociedade ten que sentirse frustrada porque en xeral a xente sabe falar e sabe escoitar, e deu os seus votos para que outros falen por eles, non para privar os demais da súa capacidade de comunicación. E menos para confundir a natural fogaxe dos discursos coa falta de respecto aos demais, e aínda á súa propia función ou cargo.

Cando un pensaba que o país decidira camiñar polos vieiros da convivencia e da concordia resulta que son os elixidos para eses fins os que contribúen a dar a nota de quedar no peor da función política e moi lonxe do que esta, no grave momento que vivimos, pode e debe ser. Polo que semella, ese vai ser o futuro que temos diante.

Ao cabo, un ten que recoñecer algo que non quixera que fose certo: que non é que este sexa un país silvestre, é que algúns, poucos, si que o son verdadeiramente.

Non sei se por ese camiño se vai a algures. Pero o mal exemplo dos que deben ser exemplares si que non leva a ningures, agás ao primitivismo, ao escepticismo, á barbarie.

Unha boa desfeita.