Fumar e traballar

OPINIÓN

ALVARO BALLESTEROS

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño un amigo tan brillante como despistado. Práctico e analítico, intelixente e responsable, creativo e imaxinativo, encamiñou, coma moitos outros homes novos deste país, o seu futuro cara ao estranxeiro. Hoxe é un investigador pioneiro na universidade, aquí en Galicia, unha carreira que comezou en Alemaña, na docencia e investigación alá. Por azares da vida, nun momento dado, deu o salto á empresa privada, mellor pagada e cun porvir máis seguro.

Acostumado a unha rutina de investigación, comprometida e eficaz, pero cuns horarios que se rexían máis polos resultados e tempos que ditaban os grupos internacionais nos que participaba que pola rixidez do reloxo, non acabou de acostumarse á vida da multinacional pola que fichou. Deixouna. Felizmente a investigación gañou un gran talento. A empresa perdeu un traballador eficaz e produtivo.

Haberá case vinte anos desta historia, pero xa daquela se estaba abrindo alá o debate de acurtar as vacacións dos traballadores fumadores en catro días ao ano, pois parece que se pode calcular canto tempo emprega de media un fumador en botar os cigarros ao longo da xornada. Sumados, día a día, mes a mes, dan ese cómputo. Á maior parte do cadro de persoal xermano, incluído o meu amigo, parecíalles un bo trato.

Nisto hai varias visións. Parece claro que fumar non forma parte da xornada laboral. Tampouco tomar cafés e outras distraccións semellantes, ata agora socialmente aceptadas. A cuestión é se hai que penalizar a quen as incorpora como normais á xornada laboral ou premiar a quen non o fai. Por esta última opción decantáronse no Xapón algunhas empresas hai cousa dun ano. Abriron o debate de se se podería premiar con seis días máis de vacacións aos non fumadores. Vese que aos nipóns o dato dos catro días lles pareceu escaso.

Confeso que non o teño claro. Probablemente o importante para as empresas sexa ser quen de captar o talento, facer atractiva a súa actividade e contar cos mellores. Como o meu amigo, que, por certo, non fuma.