Primavera na Maía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Aínda non sentimos cantar o cuco por estas terras. Eu polo menos. E os veciños aos que preguntei tampouco. O meu amigo Ramón Loureiro informa de que el xa hai tempo que o escoitou no val de Mondoñedo, e recorda a preocupación que tiña Cunqueiro por estas cousas: a sabedoría popular, que interpreta o mundo dende o mito e dende a experiencia. Experiencia para argumentar con datos probados, e o mito para interpretalos dende a outra cara do espello, que é crer o que non vemos.

O caso é que o cuco ten a xente preocupada. «Poida que este ano veña con atraso, polo aquel do tempo, que anda un algo desaqueloutrado», dime o señor Manuel. «Ou poida que daquela non veña, e entón a saber…». A saber quere dicir incerteza, inseguridade. Na cultura popular o cuco anuncia a primavera e, coa chegada da primavera, a fertilidade da terra, ou o que vén sendo o mesmo: a estabilidade económica do ano. «Coa chegada do cuco vén o pan ao suco», advirte o refraneiro, e segundo por onde veña, voando por riba dos cotos ou por riba das sementeiras, os paisanos saben (ou sabían) se a colleita ía ser boa ou cativa. O canto do cuco marcaba o paso dos anos, anunciaba os que estaban por vir, e as mozas casadeiras botaban contas do futuro tamén polo canto do paxaro.

Mais e se non vén? E se non canta no val este ano? Unha vella historia explica que contra marzo ou abril o cuco ten que cantar. Se non o fai, ou é que está morto ou é que se está anunciando a fin dos tempos e non nos damos de conta, cuestión que, se lle facemos caso a máis de un, está máis próxima do que parece. En Pontevedra tiñan unha carta de san Vicente Mártir no convento das monxas de Santa Clara na que seica se anunciaba o día e a hora exacta da apocalipse. As freiras non a querían abrir, e mesmo nos días terribles da Guerra Civil algún gobernador, xefe provincial do Movemento, ameazou con levantar o segredo da escrita para aterrorizar a xente coas posibles consecuencias. A ver que pasa co cuco…

Hoxe toca ir votar. Entre as lecturas negativas da simboloxía do cuco está sen dúbida a política. «Non me cuques» quere dicir non me enganes, non me enredes con trampas nin medias verdades. O paxaro pon os ovos noutros niños, parasita aves irmás, aprovéitase do traballo dos veciños, e iso non ten boa prensa. A paisanaxe identifícao coas formas varias de abuso de poder e cos que tal exercen con enganos. Nada hai máis triste e inxusto que ver os outros paxaros afanarse alimentando a cría do cuco que, unha vez que engorda, chimpa fóra do niño os outros e arrampla para si con todo o beneficio. Que cadaquén tire as súas conclusións. A saber por onde andarán os cucos este ano, tan ocupados que aínda non tiveron tempo de cantar. Ou cantarán cando lles chegue a hora. Se cadra contra o San Xoán.