No centro do mapa


No centro do mapa de París hai un monumento que é agora unha estrutura cun oco negro de cinza. Notre Dame ocupa un lugar no espazo imaxinario do que nos alimentamos moito antes de visitar a cidade.

Utilizamos os mapas das cidades (aínda algún mapa en papel) cos debuxiños dos monumentos destacados, e cando paseamos como flaneurs (non queremos ser vistos coma turistas), cando nos perdemos pola cidade, como dicía Walter Benjamin, utilizamos os centros simbólicos, os monumentos para guiarnos. Estes edificios determinaron en moitos casos o trazado do urbanismo. Se eses lugares caen na masificación turística, a veciñanza evitará achegarse pola forza centrífuga que exercen. E sabemos que ese risco está presente, porque as cidades son un ecosistema fráxil. O debate que lidera Venecia esténdese polas cidades que máis éxito turístico teñen porque son as primeiras en sufrir a xentrificación que expulsa aos habitantes.

A cidadanía europea asombrouse de que unha catástrofe así ocorra en Europa no século XXI. Como en tantas outras facetas, temos moito que aprender, e a prevención non forma parte aínda da nosa bagaxe cultural e educativa. Cando en Belas Artes participamos no primeiro simulacro de incendio que levamos a cabo na facultade, vimos que aínda falta moito por aprender. Quizais por escaseza de atención, algunhas persoas quedaban estorbando na porta (isto tamén pasou cando acudiron os bombeiros para apagar un pequeno lume real). Na nosa vida cotiá, en cantos simulacros de incendios participamos?, nas escolas, nos lugares de traballo, nos museos? Fáltanos moito traballo de prevención.

Esperemos que desta catástrofe aprendamos todos. Perdemos patrimonio a cada paso por falta de inversión, por falta de concienciación (como denuncian as asociacións en defensa do patrimonio). O monumento non debe ser só o fondo para o selfie. Cando facemos roteiros, lemos as guías e falamos coa xente estamos a participar da inclusión do patrimonio na vida cotiá (lembreime do paraugueiro na praza de abastos de Compostela, que tiña un cartel que dicía: «Fotografía = 1 euro»). Perdemos o patrimonio inmaterial en lumes invisibles, a cada paso, e dese patrimonio tamén temos que falar antes de esperar a unha catástrofe que o visibilice. Temos que educarnos, todos.

Por Silvia García González Decana da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

No centro do mapa