Unha parella de feito

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se me ocorre outra maneira de definir a relación. O pasado martes, 2 de abril, Amancio Prada estreou un novo tema con letra de Rosalía de Castro: «Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín…», poema que, co seseo popular das rías, Rosalía publica en Cantares gallegos (1863), libro fundacional do noso Rexurdimento. Cantaba Amancio a Rosalía e volviamos todos a aquel disco seu dedicado enteiramente á autora en 1975, e mesmo aos temas que o cantautor inclúe no seu primeiro álbum, Vida e morte, gravado en París un ano antes: Como chove miudiño e Un repoludo gaiteiro.

Campanas de Bastabales, Adiós ríos, adiós fontes, Cando era tempo de inverno, Pra a Habana… Este tema (Pra a Habana) cantouno Amancio Prada por primeira vez nun concurso en Alar del Rey (Palencia) en 1969, cunha guitarra prestada, e seica de xeito inesperado déronlle o primeiro premio. Disque cos cartos marchou a París e mercou a súa primeira guitarra: a guitarra que lle debe a Rosalía. Non era cousa de andar pola vida de prestado.

Poucas relacións tan intensas como a que ao longo dos anos, dende aqueles primeiros ensaios do 68 e o 69, foi tecendo o noso cantante coa poeta. Relación extensa no tempo, nunca interrompida, e relación intensa. Abofé que hai músicos importantes que cantaron a Rosalía de Castro, con rexistros moi diversos, algúns de talento indiscutible, mais a relación Amancio-Rosalía, a historia de amor entre os dous, deu froitos de tal significación, de tanta sensibilidade e delicadeza, de tanta aceptación entre a xente (públicos de varias xeracións), que nalgúns momentos é imposible separar a voz do poeta da voz e a música do seu intérprete: interpretación que é recreación, encarnación na esencia do poema.

Agasallounos Amancio cunha nova versión de Nasín cando as prantas nasen…, que dedicou por certo á memoria de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, unha das grandes estudosas da obra rosaliana. Hai outras versións musicais destes versos. Non é a primeira. Penso na de Andrés Gaos (Rosa de abril), pero tamén nas máis recentes de Carmen Penim, Roi Casal e Silvia Ferre, o Colectivo Bomba, Madialeva, o sexteto Tempo Catro… A obra de Rosalía de Castro é unha das grandes fontes de inspiración da música galega dende as primeiras baladas románticas do século XIX: a Negra sombra de Xoán Montes, por exemplo, que durante moito tempo os nosos emigrantes tiveron por himno nacional, antes de que se fose impoñendo a composición de Eduardo Pondal-Pascual Veiga, ou o fermosísimo Maio longo de Xosé Baldomir, e, xa máis preto de nós, as composicións de García Abril, o devandito Gaos, Roxelio Groba, por non falar de Abe Rábade, que mesmo a levou ao jazz… Mais a voz e o talento de Amancio Prada instaláronse de tal xeito no corazón do poema (e da poeta) que xa nos resultan inseparables.