Luis Seoane

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

as

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O visitante que entra no gran vestíbulo do teatro San Martín de Buenos Aires, a catedral do teatro arxentino, o primeiro que ve é o enorme mural que por encargo da institución pintou en 1957 Luis Seoane, o gallego Seoane, como o alcumaban con admiración e afecto os seus amigos porteños. Os irmáns Rodríguez Leirado programaron hai tempo un percorrido pola obra pública que o pintor deixou en instalacións da cidade: entidades bancarias, centros municipais, galerías comerciais, casas particulares, unha viaxe pola pegada histórica dun dos grandes da nosa cultura do século XX, na miña opinión, o máis moderno, renovador, arrichado e brillante dos nosos artistas. Xeneroso e multidisciplinar. Editor, poeta, dramaturgo, ensaísta, pintor, muralista, xornalista, radiofonista, deseñador gráfico, caricaturista, debuxante, animador de empresas, activista cultural e político… A guía dos irmáns Rodríguez Leirado é especialmente emocionante, referencia obrigada para todos aqueles que dende esta beira do mundo viaxan ao que durante anos foi a capital da cultura galega.

 

A Real Academia de Belas Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas ao pintor, ao artista integral deberíamos dicir. Una nova oportunidade para revisitar a súa obra e a súa memoria. A RAG dedicoulle en 1994 o Día das Letras Galegas. Volver aos clásicos sempre é gratificante. O ano anterior fora Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste no 95, un ano despois.

Daquela tivemos oportunidade de salientar a significación da capital arxentina na resistencia cultural galega naquelas décadas tan difíciles, con xeracións distintas: dende Castelao, o gran referente do exilio, aos que arribaron despois (Neira Vilas) ou que naceron naquelas terras: Antonio Pérez Prado, Ricardo Palmás, Elsa Fernández…

A figura de Seoane paréceme xigantesca. Non dubido en utilizar este adxectivo para definilo. Valorado mais fóra de Galicia ca entre nós, onde tantas cousas se descoñecen, o proxecto hoxe esmorecido do Laboratorio de Formas (o chamado grupo Sada-Sargadelos), xunto con Isaac Díaz Pardo, Andrés Fernández-Albalat e outros amigos, foi unha das iniciativas máis ambiciosas da segunda mitade do pasado século, cunha visión renovada da significación da cultura, enmarcada no alento da modernidade, inspirada en parte no espírito da Bauhaus que fundara en 1919 o arquitecto Gropius. Non quero pensar o que entristecería a Seoane a derivada final daquel soño compartido: converter a cultura galega nun valor de identidade para enriquecer o discurso do país. O discurso e os recursos (o caolín de Cervo e Burela). A idea de Seoane era instalar unha nova maneira de enxergar as cousas, unha cultura nova, non arqueolóxica, non folclórica, con capacidade para dialogar coas linguaxes contemporáneas sen perder a raiceira da estirpe, a forza de seu, o que lle dá significación e sentido.