O barman xa aprendeu a esquivar as pistolas cando guinda dun extremo a outro da barra do saloon os whiskis. Un é o actual alcalde, de Vox. O outro, edil do PP. Ole a testosterona no bar (está custando tramitar a lei que permitirá fumar nos saloons españois). Os dous están amolados polo mesmo: se volven ao de antes, é por riba do seu cadáver. Toman cadanseu whisky dun trago e collen as pistolas. O alcalde é feliz desde que, nas eleccións do 19, lograron que cada varón maior de idade poida ir armado a traballar. Quen vería a desfeita nas rúas de España (pénsao así, aspirando levemente o ‘s’ e abrindo moito a boca nos ‘as’) nestes catro anos, con tanta xente solta que merece un par de tiros. O edil tamén está contento: por fin pode voarlle a tapa dos sisos a este traidor. Mira que empatar. Se hai cinco anos bautizaban xuntos ao seu primeiro fillo, e agora así, que nin sequera poden xuntar os cabalos á porta do saloon. O alcalde ten unha Magnum 44, coma a de Harry o sucio (gústalle erguerse ás tres da mañá e amosarlla á amante dicindo «Alédame o día, nena»). O outro ten unha Luger, a American Eagle que lembra á vella Parabellum da Wehrmacht. É evidente quen a ten máis grande, pero el é un nostálxico. Si vis pacem, para bellum. Aprendeu o refrán pola pistola.
Os dous homes, no medio da rúa, paran o tráfico. A xente pecha as contras. Xa se sabe que os empates nas municipais gáñaos quen ten mellor pistola. Míranse aos ollos. Os cabalos rinchan de pena anticipada. Disparan. Dous menos. Tamén coinciden no pensamento derradeiro: que gran idea de Vox iso de liberalizar o uso das armas.