A normalización da violencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

29 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tocábame esperar. Sentei co meu libro no lugar máis afastado da sala de espera, evitando o televisor que estaba alí, chamando a atención de todos nós. Eran as once da mañá, e botaban un programa matinal deses que mesturan actualidade e sociedade con curiosidades varias. Fixen todo o posible para non mirar a tele, pero o ritmo, os cambios de luz, os berros... todo ía sumando, e eu non podía concentrarme nin no meu libro nin en nada máis. Quedei aparvada, embobada, atrosmada e pasmada mirando o televisor.

Saíu unha desas escenas gravadas cunha cámara de seguridade, desas que mostran violencia sen permiso e sen avisar. Violencia real. E xa non puiden evitar contraerme e contrariarme, pois a violencia está en todas partes: no ocio, no entretemento, no xogo, na política, nas rúas. Está completamente normalizada.

Pensei no absurdo da situación: nun edificio público, nunha sala de espera oficial, estamos todos obrigados a ver unha canle de televisión que non podemos nin apagar nin cambiar. E o que sae nesa canle a esa hora considérase para tódolos públicos. Se eu estremezo coas imaxes que non quero ver, non me podo imaxinar o cativo que está ao meu lado, ou a anciá da primeira fila.