Elas e nós

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

23 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquela tarde, entre a multitude, fixábame nas esquinas, cóncavas ou convexas segundo se mire, que conforman un lugar excepcional para todo acto civilizatorio. As da catedral, coa grande escalinata de Maximiliano, as do apousento da Coroa no soberbio edificio asistencial dos Reis Católicos, as do pazo de Raxoi, cesión do señorío eclesiástico ao humilde consistorio, e o sereno lenzo colaxe universitario de San Xerome.

O Obradoiro acolle como espazo encontradizo persoas de toda índole e rodea ironicamente cos edificios oficiais os múltiples manifestantes. Os do 68 contra a ditadura, con aires de bulevares; os dos inicios da democracia, onde a mocidade galega se implicou abertamente na cidade mentres un garda municipal dirixía con discreción o tráfico humano baixo o balcón correspondente. Algunha vez, por respecto institucional, o Concello tivo que recibir a protesta que non lle correspondía. En poucas horas cambiaba de fisionomía para recibir os veciños que gozaban da festa ou transmutábase en denso silencio contra o terrorismo. No comezo do milenio resoou co berro de «Nunca máis!», logo declinou cara a reivindicacións máis sectoriais e rexorde agora na voz alta das mulleres.

O 8 de marzo sentimos o latexo vital entre as xeracións. O empeño das mulleres é imprescindible para garantir un porvir convivencial, sen talóns que nos pisen. Os homes, aínda que nos custe, temos que levar o mesmo paso ca elas e compartir o esforzo por superar o seu inveterado silencio.

A violencia latente detrás das miras das portas, agochada no silencio familiar, é intolerable e pode acabar en asasinato. Cabe preguntar por que tantos homes matan as mulleres. Non hai respostas simplificadoras. Un grupo de traballo internacional que agrupa administracións, universidades e profesionais vén traballando para tratar de entender e achegar solucións para un fenómeno que é heteroxéneo e multicausal. Penso que a reivindicación feminista debe transitar entre o conxunto da sociedade e de todas as opcións políticas, de xeito que a dereita se centre e non defenda, por tacticismo, opinións que se aproximan ao radicalismo extremo, e a esquerda deixe de poñerse estupenda atribuíndose o movemento en exclusiva.

Despois da xornada do 8M alguén, con supino desprezo polo patrimonio común, pintou lemas en varios paramentos pétreos, abrindo un debate sobre a vixilancia dos lugares públicos. A nosa contradición reside en que vixiados estamos en todo momento polos nosos propios dispositivos electrónicos. A controversia entre o Estado e a liberdade individual debémola considerar á luz da nudez á que voluntariamente nos expoñemos.

Os tempos presentes non son convulsos, como se di; son, sinxelamente, outros tempos máis transparentes en aparencia, pero en realidade máis enganosos. O dilema é poder localizar a mentira máis cá verdade, porque as redes, coma Saturno, poden devorar os seus propios fillos mentres os que están detrás incrementan os seus beneficios á custa da nosa individualidade.