E daquela, foi

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do 8 de marzo de 2018, os homes seguen explicándome cousas. Sobre todo, explícanme que é o feminismo, por se eu (eu, eu) non o sei. As mulleres tamén me explican cousas. Sobre todo, outras feministas, por se o meu feminismo, tan pouco dado a esencialismos, puidera mudar.

Un ano despois, ademais, sigo tendo que coidar gratis; sigo sen saber que é iso de «empoderarse»; sigo preguntándome cando poderei contestar «Serás idiota!» ao escritor que me pregunta, verdadeiramente intrigado, «Como fas, con dúas nenas, unha casa e unha chea de traballos?»; sigo sabendo que non sentarei en determinadas academias, que non me quererán en determinados lobbies; sigo oíndo que os meus libros só os lerán mulleres; sigo desculpándome por todo a toda velocidade; sigo sabendo que nunca estarei nun faladoiro da RTVG. Seica son demasiado feminista, coma se iso se puidera ser moito ou pouco. Ou es ou non es. E teño para min que quen no último ano dixeron que son demasiado feminista en realidade son simples machistas.

Desta vai!, diciamos o ano pasado. Pintamos a cara de violeta e enchemos as rúas para mudar o mundo. E mentres o mundo se resistía, as demasiado feministas escribimos libros que leron masivamente tamén os homes, que aprenderon en só 365 días a ser o que levaban sendo 365 milenios.

Entrementres, escoitamos como tantos (tantos, tantos) deron por perdida a batalla da linguaxe, o noso primeiro bastión. Entrementres, digo, as demasiado feministas, que somos demasiadas para considerarnos demasiado nada, logramos volver encher as rúas porque sabemos que a nosa revolución é esta poalla morna que todo o impregna. E daquela, por suposto que foi. Xa fixemos a revolución.