Aquí non sobra a chuvia

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira A MIRADA NA CIENCIA

OPINIÓN

Santi M. Amil

Vimos duns días de chuvias fortes; ata parece que un tende a esquecer o tempo anómalo que tivemos en febreiro. Un contraste abofé notable, pero é que as precipitacións tenden a concentrarse en poucos días. Se medimos a cantidade de auga caída nos 12 días de máis chuvia do ano, observaremos que supón case a metade do total da precipitación dese ano. Un dato sorprendente, a que si? Pois saiba que iso acontece na maior parte do noso planeta.

Somos o país dos mil ríos e da auga, e parécenos que temos de sobra. Un erro que máis nos valerá ir corrixindo. A clave do problema está no chan galego: ten un nivel de permeabilidade baixo, dos peores da península ibérica. O malo é a súa consecuencia directa: a chuvia que nos cae non é retida no solo, senón que acaba escorrendo cara ao mar. O caudal dos nosos ríos é moi sensible a secas de duración elevada.

Ese panorama estase vendo alterado polo quecemento global: os datos de auga encorada en varias das concas galegas levan xa un tempo por debaixo dos seus valores habituais no pasado. Iso pode ser perigoso, porque todo apunta a que se incrementará a duración dos períodos de seca, e quizais Galicia debería ir facendo algún tipo de adestramento para optimizar o xeito de afrontar eses períodos, sobre todo para minimizar as secuelas no que atinxe ao abastecemento de auga á poboación. Quizais estudar a posibilidade de utilizar as obras hidráulicas existentes, onde sexa posible, para regular o caudal mínimo dos ríos. En Galicia non temos auga de sobra.