Problemas de xénero e idade

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira A MIRADA NA CIENCIA

OPINIÓN

08 mar 2019 . Actualizado a las 15:13 h.

Muller investigadora, maior de 50 anos, con tres fillos. Andando na vintena realizou unha tese de doutoramento nunha disciplina científica. A continuación casou e o balbordo familiar foina sacando do sistema científico. Por sistema enténdase aquela orde de cousas que tacitamente esixe que, inmediatamente despois da tese, ten que realizarse unha estadía nun país estranxeiro e que, a continuación, hai que presentarse ás convocatorias de retorno de investigadores antes de que teñan pasado como máximo X anos logo da tese. Cando ía camiño dos 40 anos descubriu que non podía concorrer a moitas das convocatorias de contratación de investigadores (estaba xa fóra de tempo; non cumpría os requisitos para ser admitida na convocatoria). Malia iso, segue traballando no seu grupo de investigación e fai un bo traballo, importante para facer avanzar un proxecto con financiamento internacional na actualidade. Pero segue fóra do sistema. Ve como xente máis moza, con menos currículo ca ela, pode optar a certas convocatorias que a ela lle están vedadas «por pasarse do tempo». Tan difícil será facer unha pequena reforma dos textos das convocatorias para permitirlle presentarse?

Outro caso: muller, no paro, maior de 40 anos, licenciada nunha disciplina científica e que padeceu unha paréntese vital de máis dunha década. Ten moitas ganas de traballar e de formarse para ser competitiva. Quere matricularse nunha disciplina de FP pero, ao ser licenciada, non consegue praza. Tan difícil será reformar o sistema de acceso á FP para facilitarlle a matrícula ás mulleres paradas maiores de 40 anos?

Mentres isto ocorre na base, nas elites da ciencia discútese que facer para que haxa máis mulleres gañadoras dos grandes premios. Aquí non se me ocorren reformas na redacción das normas para orientar aos xurados. Coñezo científicas de elite, algunhas delas premios Nobel, e dinme que maldita a graza que lles faría pensar que gañaron os seus premios porque nalgún momento o xurado valorou o xénero dos aspirantes en lugar de valorar única e exclusivamente o seu talento.