Coa apertura da súa Casa Museo agroman as raíces de Cunqueiro en Mondoñedo. Sabiamos da importancia da vila na vida e na obra do escritor; sabiamos desas mazás inspiradoras sempre no faiado, do esperado canto do cuco no bosque de Silva ou dos sons da Paula, a campá nai da catedral de Mondoñedo, marcando pautadas as horas da escrita na cidade episcopal. Sabiamos todo iso. Agora pódese ver ese seu mundo máis íntimo, descubrir ou revisitar cando queiramos. Hoxe, que o tempo semella discorrer a tanta velocidade, que agromen raíces, que nos asentemos no tempo e nun lugar, é importante. Cunqueiro, certo, xa lograra esa permanencia; é dos grandes. Pero aínda así e todo. A Casa Museo vén completar unha oferta cultural en Mondoñedo coa catedral, o Seminario e o Camiño Norte. E o mais importante: a uns metros da Casa Museo, no cemiterio vello reconvertido en parque, está a súa tumba para emocionarnos con esa serenidade do val de fondo.