Banco dos acusados

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Fascínanme as fotos de banco dos acusados, especialmente se estes son políticos. Porque calquera persoa nun banco dos acusados, evidentemente, non foi sempre delincuente. En moitos casos, nin sequera o era antes de estar aí, con toda a posta en escena que vén sendo un xuízo. Será que me dedico ao teatro, pero nunca acabei de verlle o sentido a teatralizar tanto as cousas no xulgado, disfrazarse de xuíz ou de fiscal, estabelecer os lugares dun xeito tan ríxido: unha cadeira para un acusado, a tribuna do tribunal... Lean esa loucura titulada O balcón de Genette e entenderán un pouquiño do que falo. Cando os que están sentados no banco son políticos, o disfrace do acusado, muda.

Míroos aí e venme á memoria o tempo en que eran máis guapos. A seguridade ten eses efectos. Por suposto, no banco hai tamén un palio invisíbel, a lousa do cárcere. Pode ser que sexan presos políticos, pero, efectivamente, vexo só uns políticos presos que, coma calquera outro condenado, arrastran a dor de saberen que xa non volverán ser quen foron nin soñar igual. Os soños, no caso dos acusados independentistas, son especiais, iso é innegábel. Soñar para un pobo non é o mesmo ca soñar para un mesmo. Por iso teño un ránking particular no relativo a fotos de banco de políticos. Romántica que é unha: miro distinto a estes que armaron unha sorte de revolución (o fiscal chámalle rebelión, algo sobre o que tería moito que dicir a filoloxía, por certo) de aqueles para quen o dicionario dá poucas posibilidades alén de «corrupto». Supoño que, en xeral, lle pasa iso a todo o mundo. Por iso discutimos e nos abraiamos. Por iso observamos o lado dos xuíces con curiosidade: que vén sendo exactamente o Estado de dereito? Fascinante.