Influencia perversa

OPINIÓN

25 feb 2019 . Actualizado a las 10:05 h.

Nun ben preocupante informe da asociación sen ánimo de lucro Corporate Europe Observatory constátase que os Estados membros da UE, en vez de velar polos intereses xerais da cidadanía e do ben común, déixanse capturar polos intereses do capital exercendo unha influencia perversa.

É algo ao que nos temos referido máis dunha vez, pero que agora vén avalado por un estudo serio, e sorprende a escasa atención que tivo nos medios deste país. E máis tendo en conta que xustamente España é un dos países sinalados nese informe como máis mergullado en prácticas contrarias á transparencia e en favor de empresas, Teléfonica especialmente, chegando o Goberno español a propoñer á Comisión e ao Parlamento a chamada «cláusula Telefónica» para evitar que esta empresa tivese que acordar unha baixada importante das súas tarifas maioritarias.

Un capítulo especial merece Miguel A. Cañete, de quen se di, entre outras cousas, que dos encontros que mantivo con organizacións españolas un abraiante 95 % foi coa industria, e ningún con oenegués ou sindicatos. Xa vale a pena ler o informe só por ter unha idea do personaxe.

Pero o caso é aínda máis complexo, porque influencias perversas semellantes teñen lugar no seo dos mesmo Estados da UE. Ben coñecidas son as chamadas «portas xiratorias», as doazóns en negro e demais formas de presión que a miúdo se dan, se ben con diferentes intensidades, en todos os países da UE.

Unha democracia afogada é a que temos. E a sociedade que a padece case nunca é consciente do problema, e moito menos das posibilidades para resolvelo, e menos aínda de que o exposto pode que sexa o problema maior con que hoxe nos enfrontamos. Porque non se ve que por agora haxa un poder que se poida opoñer a tanto poder. Así de claro.