Rosalía, sempre


O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro. Hoxe faría 182 anos. Na partida de nacemento, asinada no Hospital Real, daquela tamén orfanato, figura co nome de María Rosalía Rita, filla de pais descoñecidos. Aínda sei de varias nenas e mociñas que locen o nome de Rita en memoria da poeta. Levouna a acristianar unha criada da casa, que figura no documento co nome de María Francisca Martínez, «vecina de San Juan del Campo», e o texto advirte que a madriña, logo da cerimonia, levou a nena canda si, «que va sin número por no haber pasado a la Ynclusa».

Daquela, cando os nenos ingresaban no orfanato porque os país non querían ou non podían termar deles, poñíanlles un número, e ás veces marcábanos, para identificalos logo nos expedientes administrativos. Rosalía librou do trámite. Nacera algunhas horas antes nunha casa nas portas de Santiago, no que ata hai pouco chamabamos o Camiño Novo ou avenida de Vilagarcía, e seica o parto foi de madrugada, contra as catro horas da mañá, asistida a nai, dona Teresa Castro, polo doutor Varela de Montes, figura sobranceira da medicina compostelá.

María Xesús Lama narra moi ben os primeiros anos da autora, entre Ortoño, Padrón e Santiago, sempre a carón da nai, nada que ver coa imaxe de nena abandonada que durante un tempo nos quixeron dar. As investigacións de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, recentemente desaparecida, resultan especialmente esclarecedoras deste período da existencia da futura escritora. No censo de 1841 aparecen vivindo xuntas en Padrón a nai (Teresa) e maila filla (Rosalía), por certo que na compaña da criada, a madriña, as tres na mesma casa. Padrón e o universo todo da Maía son sen dúbida as primeiras paisaxes, as primeiras músicas poderiamos dicir, da autora de Cantares gallegos, Follas novas, En las orillas del Sar...

Hai tres datas de obrigada referencia na biografía de Rosalía de Castro que acompañan e ilustran o Rexurdimento da lingua e a literatura galegas, chantos de dignificación da nosa cultura, que é a única no mundo (polo menos que eu saiba) que ten coma bandeira unha muller. Unha data senlleira é o 17 de maio, conmemoración da primeira edición en Vigo de Cantares gallegos. A Real Academia Galega escolleu esta data, en 1963, para celebrar anualmente o Día das Letras. Outra data significativa é a do seu pasamento, o 15 de xullo de 1885, e o traslado solemne dos seus restos ao actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa compostelá de Bonaval (1891). Mais eu prefiro este día de febreiro, apuntando á primavera. Son dos que celebran os nacementos mellor que as defuncións. Rosalía anuncia unha mañá luminosa que nos enriquece e transforma a todos. Despois dela, todo empezou a ser distinto. En certa maneira, todo empezaba a ser posible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Rosalía, sempre