Un salario (mínimo) para poder vivir

Manuel Lago
Manuel Lago EN LIÑA

OPINIÓN

18 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A subida do salario mínimo interprofesional é o instrumento máis poderoso para combater tres dos principais problemas que sofre á sociedade española: a desigualdade, a pobreza laboral e o reparto desequilibrado da renda. A recesión, as políticas de austeridade, as reformas laborais e a devaluación interna agravaron un problema que viña de atrás: o inxusto reparto da riqueza en favor dos beneficios empresariais en contra das rendas salariais.

 En 2017 as empresas ganaron 50.000 millóns de euros máis que en 2008 e repartiron 20.000 millóns máis en dividendos, mentres que a remuneración dos asalariados aínda está 10.000 millóns por debaixo. Por iso necesitamos un salario mínimo de 900 euros, para redistribuír a riqueza en favor da maioría social.

O deterioro dos salarios afectou de forma especial ás persoas que xa tiñan os ingresos máis baixos ata o punto de que o 14 % das persoas con emprego están en risco de exclusión social. Son traballadores pobres, porque non poden vivir do seu salario.

Un salario mínimo de 900 euros vai beneficiar de forma directa a mais de 2,5 millóns de persoas, servirá para mellorar o nivel de vida das familias de menores ingresos pero tamén para impulsar a demanda interna, o crecemento económico e, polo tanto, crearase máis emprego que se traslada a un aumento en 1.500 millóns de euros nos ingresos da Seguridade Social.

O novo salario mínimo aproxímanos aos de países comparables co noso en valores relativos, isto é, cando se compara co salario medio ou co PIB per cápita, aínda que seguimos por detrás porque ata agora estabamos moi por debaixo.

A última subida, tan criticada por algúns, é un paso mais nunha estratexia que empezou en 2017 cando o Goberno de Rajoy pactou cos sindicatos e os empresarios que o salario mínimo fora de 850 euros en 2020. Pola súa vez, en marzo de 2018 a patronal e os sindicatos firmaron un acordo para que ningún salario negociado nos convenios fora inferior a 1.000 euros en 2020. Nesta senda de crecemento do salario mínimo os 900 euros parecen o paso axeitado. Ningún informe serio di que se vaia destruír emprego, senón que se creará menos emprego, algo completamente diferente. Por exemplo o informe da AIREF (Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal) estima que en 2019 se crearán 40.000 postos de traballo menos. En cifras totais, o número de persoas ocupadas aumentará en 340.000 fronte aos 380.000 inicialmente previstos.

Por último, non é certo que os datos da afiliación á Seguridade Social do mes de xaneiro reflictan perda de emprego polo aumento do salario mínimo. Máis ben todo o contrario, porque a caída da afiliación en 2019 foi a mesma que a do mes de xaneiro de 2016, ano no que o salario mínimo subiu tan só o 1 %.

En síntese, aumentar o salario mínimo beneficia a maioría social, é perfectamente asumible polas empresas, serve para reequilibrar o reparto da riqueza, vai impulsar a economía e o emprego, mellora o benestar, corrixe a desigualdade, combate a fenda salarial de xénero, protexe as persoas máis novas e aumenta os ingresos da Seguridade Social. Pero o máis importante: as persoas que o cobran poderán vivir co seu salario.