Mámoas, muíños e microondas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres emes, de mámoa, muíño e microondas. Hai corenta anos Sodiga participaba en Gaélico, primeira empresa de enerxías alternativas de Galicia. Daquela, os muíños de vento que xeraban enerxía eléctrica tiñan torres de celosía metálica e só alcanzaban decenas de metros de altura. Pesaban pouco, necesitaban cimentacións pequenas e as microondas pasaban pola celosía. Hoxe, os xeradores eólicos teñen torres de chapa grosa, poden superar os 100 metros de altura, as súas aspas andan polos 60 metros de lonxitude ou máis, necesitan cimentacións de moitos metros e son opacos ás microondas.

Galicia, país de grande potencia eólica, leva poboada miles de anos e está chea de restos arqueolóxicos, sistemas de radiocomunicación para unha poboación moi dispersa e de radiolocalización para 1.400 quilómetros de costa. O conflito dos parques eólicos coa arqueoloxía e as telecomunicacións está servido. Cumpriría crear un «protocolo de convivencia dos tres emes» nas concesións de parques. Se ninguén compra unha leira sen ollar primeiro o que hai arredor, tampouco se debe deseñar un parque eólico sen comprobar o que anda baixo terra ou polo aire. Un radar de profundidade e un medidor de campos electromagnéticos logo axudarían a pintar o mapa do invisible alí onde se queiran montar muíños.