Xenética e migracións

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

08 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña irmá Teté envioume o artigo do periodista Raúl Romar sobre o «minifundismo xenético» de Galicia, no que descifraba os descubrimentos do traballo de investigación do equipo de científicos das universidades de Oxford e Santiago de Compostela, publicado esta semana na revista Nature Communications. Un traballo no que se demostra que contamos cun corpo de científicas e científicos do que debemos sentirnos orgullosos; paixón e excelencia unidas a un dos nomes máis influentes da nosa terra: o xenetista Ángel Carracedo.

Cando lin a «tradución» de R. Romar lembrei as razóns que me levaran hai un par de anos a facer o meu propio estudo xenético, e tamén lembrei a sorpresa coa que recibira os datos sobre a miña propia historia.

A verdade é que, aínda que unha pode acceder á publicación orixinal de xeito gratuíto (o artigo foi publicado cunha licenza de Creative Commons con acceso aberto), as que non somos de ciencias precisamos de divulgadores coma R. Romar, que nos axudan a entender a profundidade do asunto. Noutro dos seus artigos afrontaba o tema da endogamia a través da visión de historiadores e antropólogos como Ramón Villares e Manuel Mandianes, que me fixeron pensar nos matrimonios da emigración galega do século XX, pois tamén nós levamos ese xeito de xuntármonos por parroquias aos países que nos acolleron.