Chegará algún día?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

RENFE

03 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezaron as probas no tramo ferroviario de alta velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería, xa a escasos quilómetros de Galicia. Aseguran que en 1919 -en data indeterminada- acurtarase notablemente a viaxe a Madrid. Desde Vigo, que parece que vén ser o finis terra actual, serán algo máis de cinco horas, desde A Coruña catro e cincuenta minutos, e desde Ourense tres horas e media. Un amigo meu, optimista e boa persoa di: «Tres horas trinta: van estar á beira!». E dio en serio. Os galegos somos así, que nos rebaixan nos orzamentos un 20 % respecto ao ano pasado e alegrámonos de que a capital a teñamos media horiña máis preto.

Cantos anos fai que teñen trens de alta velocidade Andalucía, Cataluña ou a Comunidade valenciana? O AVE chegou, a Barcelona en 2008, (2 horas, 38 minutos de Atocha a Sants) a Tarragona en 2006, tras superar fortes problemas xeolóxicos nuns túneles. A Valencia en 2010, a Alacante en 2013. A Sevilla en abril de 1992; entón tiñamos un presidente da nación ao que se lle notaba que era andaluz non só polo acento.

A Galicia aínda non chegou, din que pola dificultade do terreo, e tamén pola falta de acento galego dos presidentes. En fin, que seguimos sen AVE. Sempre se dixo: «Paxaro que non pía, non mama», pero quizá non baste con piar. En 2011, en plena crise, CC.OO. lanzou a campaña A resignación non é unha opción: loita. Pois iso.

?Os galegos somos así, que nos rebaixan nos orzamentos un 20 % respecto ao ano pasado e alegrámonos de que a capital a teñamos media hora máis preto