Patinar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

VASILY FEDOSENKO

31 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo que non sempre estamos totalmente de acordo con todas as actitudes que realiza alguén. Pero, en liñas xerais, podo dicir que me gusta moito Javier Fernández, sen coñecelo. Claro que agora é fácil, porque ten moitos seareiros. É todo un heroe do deporte. Conta con sete ouros europeos en patinaxe. Consecutivos. Foi dúas veces campión do mundo, e outras dúas terceiro, tamén medallista olímpico.

Pero a min gústame porque é a historia dunha superación. A historia de crer nun soño. Un bailarín ruso fixouse nel e propúxolle que o seguise, abandonando casa, familia... vida. Podía «facer as Américas». Era todo un agasallo: pagáballe as viaxes, o material e as clases. E o resto... os pais fixeron o esforzo. Polo día non deixaba de adestrar. Pola noite, tiña un sofá onde arrolar os seus soños. Era case un neno. Debutou nun europeo con 15 anos. Estaba en Polonia. Caeu tras o primeiro salto. Caeu tras o segundo. Non puido nin realizar o exercicio libre. Pero ergueuse. Vaia se se ergueu!

Por iso me gusta Javier. Porque agora marcha, si, di adeus, pero co lombo cargado de éxitos. E de sacrificios, por suposto. Marcha cun sorriso, que debe ser a mellor maneira de dicir adeus. Faino así porque conseguiu o que quería. Ensinounos o que era a patinaxe. Fíxonos saltar con el en máis dunha coreografía. Descubriunos, en definitiva, o que era a patinaxe. Reclama maior apoio para esta disciplina, pero sen críticas destrutivas polo que non recibiu. Porque prefire construír.

E iso, a min gústame.