No Parlamento de Galicia votamos por unanimidade en 2008 completar o noso autogoberno asumindo a xestión do tráfico. Se as políticas da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ou a actuación da Garda Civil son ben valoradas en Galicia e no resto de España, por que modificar o marco institucional?
En Galicia existe un nivel de sinistralidade persistentemente elevado, por riba da media española. Precisamos una aproximación específica, que teña en conta a complicada orografía, cun incremento notable das curvas; o clima, pródigo en chuvias e brétemas; a dispersión da poboación, con máis de 30.000 núcleos, o que intensifica a circulación por estradas secundarias; e tamén un avellentamento poboacional crecente. Hai máis estradas por habitante ou superficie, hai máis vías secundarias, hai máis desprazamento privado, hai máis circulación a pé ou con maquinaria agrícola en vías peor acondicionadas e sinalizadas, así como travesías interurbanas frecuentes. Este feito diferencial obxectivo non constitúe una barreira infranqueable para una política de seguranza viaria eficaz, pero esixe máis ás políticas públicas, que deben ser perfiladas de xeito específico para dar resposta a condicións particulares.
O País Vasco e Cataluña xa contan con estas competencias desde hai anos. O caso vasco é especialmente ilustrativo porque moitas das súas condicións son similares ás de Galicia. Os datos que manexamos indican que a xestión descentralizada desta competencia axuda a deter a hemorraxia de sinistros, que representan un alto custo en vidas humanas, truncadas ou limitadas, así como en destrución económica.
Pretendemos unha abordaxe integral, executada pola comunidade autónoma, que implique ao resto das Administracións, no marco das políticas planificadas pola DXT. Este modelo descentralizado de xestión achega solucións sen crear novos problemas. Permite perfeccionar os instrumentos dos que hoxe dispoñemos adaptándoos ao territorio, ás condicións propias de Galicia. Ese é o espírito dun federalismo práctico, útil, que é o que defendemos.
No ano 2010 non conseguimos convencer ao Congreso das virtudes da nosa proposta. Desde ese momento o Parlamento de Galicia non volveu intentalo, seguramente porque a posición política do Goberno de Rajoy facía improbable o seu éxito. Hoxe estamos nunhas condicións diferentes: existe una lectura máis aberta do Estado autonómico por parte da maioría que sustenta o Goberno de Sánchez. Queremos saber se persiste unha vontade unánime no Parlamento de Galicia para levar o noso autogoberno ao nivel doutras nacionalidades históricas naqueles ámbitos en que pode ser útil a Galicia. Alberto Núñez Feijoo ten a oportunidade de manter a súa posición de 2007, ou pode someterse de feito á lectura centralizadora que agroma nas visións do presidente do seu partido -e sen dúbida en Vox-. A tramitación do proxecto de lei rexistrado polo noso grupo no Parlamento de Galicia ofrecerá una oportunidade para clarificalo.