Fran

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non coñece a Fran, o de Pasapalabra? Poucos. Hai uns días completou o rosco e levou o gran premio do programa. E saben que? Que non só gañou el.

Fran merecía ese premio. Levaba dez meses concursando, facendo gala do seu coñecemento, pero tamén da súa naturalidade, dunha modestia verdadeira, dun amor e recoñecemento aos pais sincero... Fran gañounos a todos porque é un rapaz normal. A súa nai, ao saber do premio, dixo que o merecía, porque é bo, é o que vemos. Emocionoume. É difícil dar con xente sen dobreces, tan humilde coma el, que se desfixo en bágoas ao completar a proba, pero tamén ao falar dos pais, ou da súa tía recentemente falecida.

Quero falar de Fran e tamén de José Manuel, con quen se batía. Na miña familia estabamos todos pegados ao televisor, pero separados por centos de quilómetros, conectados polo WhatsApp. Sufriamos polo contrincante, José Manuel. Dicía miña irmá que temos a teima de poñernos ao lado do débil. Pero amosou non selo. A súa actitude foi marabillosa. A medio rosco xa dixo que Fran era un crack. Cando só lle quedaba unha palabra, preguntoulle se a sabía, coa esperanza de que fose un si. E cando acertou, ergueu os puños pechados en sinal de vitoria e alegría. Coma se gañase el. Foino abrazar e insistiulle en que o merecía. E esa aperta é a que nos fai gañar a todos. Porque, por unha vez, premiouse a cultura e invadiunos a fachenda. Sen egos. Grazas, Fran. Grazas, José Manuel. Podemos crer nunha sociedade mellor, na que a educación conta e é valorada.