Garganta profunda


Así chamaron os xornalistas do Washington Post que destaparon o escándalo do Watergate a Mark Felt, a fonte anónima que os guiou na investigación, por ser home con voz tan grave que, se cantase, daría a nota chamada coloquialmente o Do do cocho. Non é tan grave a voz de José María Aznar, pero -ollo!- co decorrer do tempo resultou máis rica en matices e de tesitura máis ampla. En 1990, cando chegou á escena política como presidente do Partido Popular, era un barítono de falar escuro, nasal e bisbiseante, que, polo rostro impenetrable, a ollada abisal, o bigote inerte, a onda sobre a fronte e o nome de pía completo -José María Alfredo- daba a imaxe perfecta para protagonista de culebrón venezolano. Despois, xa encumbrado por George Bush, sorprendeunos con voz de contratenor e acento mexicano: «Estamos trabajando en elloooo…». Desde 2013 a súa voz é grave coma un ronroneo, a que cómpre a quen volveu a España para orientar á dereita política, desnortada e dividida: «No estoy en la política combativa. Yo doy ideas para intentar solucionar los problemas que tiene el país». Non hai dúbída, José María Aznar é o Garganta profunda español, Rajoy a súa vítima e Casado e Abascal os seus pupilos.  

A dereita venera a Aznar e non cuestiona nada do que fai, nin do que fixo, mesmo cando o que fixo é semellante á compra do título de Cristina Cifuentes, pero máis grave e ridículo. Despois de pasar por riba da opinión pública e enviar tropas a Irak, encirrouse en obter a medalla que o Congreso dos EE.UU. concedera a Tony Blair. O problema estaba en que o Congreso non ía tomar a iniciativa, polo que o 26 de Nadal de 2003 o Consello de Ministros destinou 2,3 millóns de euros a suscribir un contrato coa empresa norteamericana Piper Rudnick, que xestionaría a concesión, untando a congresistas republicanos. Foi tan grotesco que, tres meses despois, cando por fin se conseguiran os apoios, non se solicitou. En 2010 a asociación Preeminencia del Derecho levou o caso ao Tribunal de Contas, que non viu irregularidades na xestión porque, segundo o fiscal, a concesión da medalla a Aznar sería de interese público.

A dereita asentiu cando Aznar xustificou a participación de España na invasión de Irak por ir as tropas en misión de paz. En misión de paz si, pero nos 90 ataques que sufriron, co resultado de once soldados mortos, defendéronse e cabreáronse. O vídeo difundido por El País, no que outra manada de cinco dos nosos soldados dan unha malleira brutal a dous prisioneiros, mentres o sexto os grava, mostra os horrores da guerra como Goya fixera cos seus gravados.

A dereita non falou do negocio da guerra de Irak, do petróleo que repartiron EE.UU. e Reino Unido; dos 6.000 millóns de euros prometidos polo Goberno de Aznar ás empresas españolas que participasen na reconstrución do país, subcontratadas polas americanas. E moito menos do ben que lle foi a Aznar, económicamente. Pola contra, haxiógrafos hai que loan a reunión das Azores, porque Aznar volveu poñer a España entre os países líderes do mundo e, respecto á guerra, compárano -non é broma- con don Juan de Austria, heroe de Lepanto, tamén en coalición internacional contra o mouro.

Para a dereita, Aznar fala como Garganta profunda, pero é o Oráculo de Delfos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
31 votos
Comentarios

Garganta profunda