Hoxe, xoves, saíu da casa. Dende había cinco anos cumpría cunha tradición terapéutica: encerrarse dende o día da lotería ata o 3 de xaneiro, móbil desconectado e mínimas viandas para a supervivencia. Era un raro. De vida rara. De nome raro. El pensaba que se trataba dunha ironía do destino: levar aquel apelido. Na escola chamábanlle Alegre, aínda que fose un neno antipático e melancólico. Alegre para os colegas, e noivas, e inimigos. Alegre para o mundo. Cando comezou a escribir decidiu prescindir do seu nome, Bernardo José, e asinar os seus libros secamente: B. J. Alegre. O apelido, esa ironía, non deixaba de proporcionarlle fortuna. Cada novela era un éxito, cada novo volume un motivo de contento para os seus editores. Porén, non foi un tipo feliz. As súas novelas, de terror e misterio. A súa cara, terrorífica tamén. Chamarse Alegre era unha vinganza da tristeza. Ata que a coñeceu. Arxentina, pintora de cadros, acuarelas, fachadas e frases nas paredes, ollos marróns que convocaban chuvia, rostro felino, bela, belísima. A felicidade estaba gravada na súa pel acariñando, poro por poro, o seu corpo de escritor émulo de Stephen King. Ata que ela decidiu marchar un 22 de decembro de hai cinco anos. Dende aquela non quere saber nada das festas de Nadal. Péchase baixo chave na casa maldicindo o seu apelido. Hoxe, 3 de xaneiro, acende de novo o móbil e encontra as mensaxes de felicidade de todos os que durante doce meses non se acordan de que está vivo. Borrar, borrar, borrar. Todas menos unha, día 22 de decembro, número descoñecido e foto dunha parede escrita con brocha: «Yo no quiero que me toque la lotería, quiero que me toques tú». Era un home afortunado. El, Alegre.