«O son do ar»

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

04 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos 80 comecei a dar as miñas primeiras notas nunha frauta de madeira de marca Moeck. Aquilo foi o punto de partida para seguir tocando e ir mercando máis instrumentos, entre os que están unha colección de tin whistles (frautas irlandesas de metal) de diferentes tons. Cun whistle daqueles fun capaz de crear varias melodías; unha delas estaba inspirada no son que produce o ar nunha vella carballeira... Nacía O son do ar. Foi das miñas primeiras composicións e deu tamén título ao primeiro LP con Luar Na Lubre, editado no ano 1988. Pero, previamente, O son do ar xa fora rexistrado nunha maqueta gravada polos estudios móbiles da Radio Galega, no local que a asociación cultural Alexandre Bóveda tiña na rúa Eladio Rodríguez da Coruña. Aquela gravación de 10 temas instrumentais aínda está nos arquivos da Radio Galega, e serviunos para ir por primeira vez ao Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña. Pero o caso é que O son do ar tivo historia propia e, á parte de ser o título dese primeiro traballo discográfico, foi tema escollido polo británico Mike Oldfield para facer unha versión e poñelo como primeiro tema do seu cedé Voyager, do ano 1996; con este feito, indubidablemente colleu moita más popularidade.

Hoxe, malia que é difícil sabelo de certo, é probable que sexa o tema instrumental feito en Galicia do que hai máis versións no mundo e tocado por maior número de instrumentos diferentes. Só con abrir YouTube hai centos de versións feitas en calquera lugar do planeta, e algunhas delas de impecable execución, tamén con todo tipo de instrumentos. Úsase regularmente como melodía de vodas, e, polo que sei, forma parte da banda sonora da vida de moita xente. Nós, 32 anos despois, seguímonos emocionando con O son do ar.