Violadas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Manifestación en Vigo
Manifestación en Vigo MARIA G.CID

26 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Virginie Despentes no libro Teoría King Kong que non lle perdoa á sociedade do seu tempo que a educase para sentirse mal ao ser violada pero non para defenderse dunha violación. Temos que chorar polas esquinas cando nos violan, considerarnos sucias, e escenificar tal aldraxe ante policías e xuíces para convencelos de que non somos unhas farsantes, provocadoras da incontrolábel ansia masculina por ciscar o seu seme polo mundo para perpetuar a especie.

Insinúase tamén que debemos loitar para preservar o noso sagrado corpo, pero nunca ninguén nos explicou como facelo.

Virginie Despentes conta tamén que, cando a violaron, levaba no bolso unha navalla que, no momento crucial, non soubo como usar. Porque, explica ela, todo está armado para responsabilizar á muller da súa propia violación. Algo faríamos. Na versión máis bruta, somos todas unhas putas.

Vén isto a conto das últimas sentenzas de xuíces que, por defecto, dubidan da versión das vítimas ou minimizan o delito sexual: un que non considera violación a vinganza dun marido que obriga a muller a manter sexo anal durante dous meses baixo coaccións e golpes; outro que cre un simple abuso que un grupo force a unha rapaza; un poli que interroga durante cinco horas a unha muller violada para procurar incoherencias no relato...

Coma sempre, o peso da estrutura patriarcal sobre uns xuíces sempre ben dispostos a considerarnos unhas histéricas e unhas lerchas, eses adxectivos que tanto se empregaron contra as mulleres e que serviron para xustificar a violencia, o noso control a través dos nosos corpos, o poder exercido contra nós, a violación, a mutilación, o encerro, o maltrato, o feminicidio. Imos ter que aprender a usar a navalla do bolso da Despentes.