Simplificacións totalitarias

OPINIÓN

05 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Bolsonaro, Trump, Le Pen e todos os demais, en Europa e fóra dela, teñen moi clara explicación, e téñense sinalado, entre outras causas, o abafante poder financeiro sobre os gobernos democráticos, a perda de carácter das esquerdas, o desespero dunha sociedade que non se sente representada polos seus políticos. Hai aínda certas particularidades, caso do Brasil, onde os evanxélicos teñen unha extraordinaria capacidade de mobilización entre os máis pobres, o que determinou que estes lle desen o voto a Bolsonaro á par das clases máis poderosas, sen esquecer o que influíu nas eleccións a xenreira que o Partido dos Traballadores de Lula esperta na sociedade brasileira, que o culpa da corrupción xeral, institucións incluídas, que o país vén padecendo, maiormente dende que o petróleo asolagou a vida do país.

Alá, o mesmo que acá, a xente non só non se sente representada polos políticos que elixiu, senón que os culpa de seren cómplices da corrupción, de non opoñerse a decisións contrarias aos seus intereses e de aproveitarse en propio beneficio de facilidades do sistema (portas xiratorias, por exemplo). A estratexia dos Bolsonaro e os demais é xusto convencer á sociedade de que a man dura que predican será a solución da crise en que están mergullados, suxiren ser inimigos dunha clase política desprestixiada e ofrécennos solucións máxicas que nos levan a menos democracia e máis poder.

E a sociedade, farta dos seus representantes, non ve a simplificación do que é complexo, que só é pura irracionalidade o que se lle predica, que o primeiro que perderán serán os dereitos que tanto custou acadar, que haberá máis desigualdades e menos liberdades. Haberá eleccións e non haberá tanques. Pero volveremos aos anos trinta. Cando o descubramos, xa será a destempo.