Xogar cos números, abandonar a xente

Luís Villares VOCEIRO DE EN MAREA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os números non enganan, por moito que se xogue con eles. As contas presentadas demostran, outra volta, que a intención do presidente da Xunta é xogar cos números para non atender a xente. Feijoo e o seu gabinete económico xogan cos números para que a aparencia de mellora distraia a atención da verdade: a limitación que impón a Xunta vai cronificar a precariedade en boa parte da sociedade galega. Vai converter as medidas que tiñan a crise como desculpa en medidas permanentes.

Os orzamentos da Xunta son tramposos porque din que medran un 3,8 % sobre o ano pasado, pero non queren dicir que poderían medrar un 3,9 %, en consonancia co PIB galego. Esa décima que esquece Feijoo é pequena como número, pero significa asistencia que quedará sen dar, colexios que quedaran sen profesores, PAC que quedarán sen facultativos. Necesidades da xente que quedarán sen atender.

Hai máis trampas neste orzamento convertido polo PP en xogo de naipes. Un exemplo significativo: Feijoo promete a baixada de impostos en tres categorías de escaso impacto xeral para a cidadanía. Pero mentres axita a palabra ‘baixada’ deixa sen detallar a que terá máis impacto na economía xeral: a que suporá rebaixar os impostos aos patrimonios por riba dos 700.000 euros. Esta baixada de impostos ás fortunas suporá que se distraerán da recadación arredor de 40.000 euros/ano por cada unha destas fortunas. Un favor popular para os amigos que significa, na práctica, menos prazas de hospitais, menos colexios, menos gardarías. Menos axudas para a xente que o precisa e castigo fiscal para as clases medias e traballadoras que seguirán soportando a carga principal dos impostos.

Un orzamento é unha ferramenta para o equilibro e a redistribución. Pero non para Feijoo nin para o PP. Un dato máis? O PIB galego xa superou o que tiña o país no ano 2009, ao comezo da crise. Pero o orzamento da Xunta para 2019 segue 2.000 millóns de euros por baixo do que tiña naquel ano. E non hai xogo que disimule tanto abandono.