Eu si te creo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pero que significa iso?», pregunta con sorna unha importante feminista que se me queixa do slogan. O feminismo non se basea en crenzas, engade, e cólgame o teléfono. Está enfadada porque puxen nas redes un #eusitecreo como resposta á desestimación dunha denuncia por acoso sexual dunha traballadora do sector cultural. Que as feministas históricas lle rifen a unha ten un aquel de perda da virxindade. E é que, con determinados casos, mesmo o feminismo máis radical se autocuestiona.

«Eu si te creo» significa unha posición política desde onde explicar que a estrutura machista desta sociedade, esa que facilita os acosos e os confunde con outras cousas (gabanza, galante atención), pode desarmarse cunha simple decisión: mudar as tornas e non dubidar de quen se rebela contra a norma pola cal as mulleres temos que aceptar que eles nos toquen e utilicen. Decidimos crer a quen di «eu fun acosada», porque sabemos que a opinión pública e o contorno próximo tenden a poñela en dúbida (algo faría, busca cartos, non sabe calar). Velaí a posición política de crer á que denuncia. Implica un xesto revolucionario: crendo á acosada rebelámonos contra toda unha sociedade que facilita que haxa acosos.

Claro que cando hai casos mediáticos e vinculados co poder, como son os do sector cultural, onde ademais a precariedade laboral se ceba especialmente coas mulleres, o pronunciamento é sinónimo de represalia. Represalias contra quen denuncia e contra quen a apoia. Daquela, comezamos a buscar escusas para non crer. Pero ese «si te creo» vai alén dos nomes concretos que figuran na desestimación dunha demanda. As posicións políticas exceden as persoas, e por iso delas proceden as revolucións.