O planeta segue na deriva

Francisco Díaz-Fierros CATEDRÁTICO EMÉRITO DE EDAFOLOXÍA NA USC

OPINIÓN

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para os xornais galegos, as novas do día pódense singularizar pola coincidencia de dúas novas: o comunicado do IPCC sobre os efectos dun incremento de temperatura do planeta en 1,5 graos e a virulencia dos incendios forestais de Mondariz nestes comezos do outono. Simple coincidencia? Ou habería que principiar a pensar nunha relación de causalidade entre o quecemento do clima que estamos a experimentar (nestes anos xa por enriba de 1 °C) e o risco de incendios, cada vez maiores e máis intensos, dos nosos montes? Certamente que non se pode ser taxativo nesta cuestión, pois mentres houbo grandes incendios, como os de xuño deste ano en Suecia, que si, con toda probabilidade, o feito de que tiveran un clima máis quente foi unha das súas causas, outros, como os de xullo de Grecia, pouco ou nada tiveron que ver con iso.

En Galicia estamos a experimentar nos últimos tempos unha ampliación do risco de incendios no outono, semellante á que se está a experimentar en toda Europa e noutras partes do mundo como Australia e os EUA, que ten moito que ver coa muda do clima. Camiñamos cara a anos máis quentes, os combustibles fanse máis secos e os incendios máis intensos, e as chuvias, que ata hai pouco amosaban moita incerteza no seu devir, nos últimos anos comezan a presentar a longo prazo tendencias claras cara a maiores secas.

Este sería só un dos efectos dun clima máis quente, pero sabemos que hai moitos outros que atinxen ao nivel do mar, á súa produtividade, aos cultivos e á nosa saúde e benestar, que se agravarán se o incremento segue a medrar sen freo, superando os 1,5 °C e se achega, como é o máis probable, aos 2 °C. O informe dinos que é xa moi difícil que non superemos os 1,5 °C. Se queremos situarnos nun certo nivel de seguridade as emisións de dióxido de carbono deberían ser nulas na metade deste século. Estarán os gobernos á altura destas responsabilidades? Por desgraza hai moitas dúbidas de que así sexa e, agás que aconteza un inesperado cataclismo, seguiremos co desesperante e tradicional tirapuxa da política curtopracista, mentres o planeta segue na súa tráxica deriva cara a unhas condicións cada vez menos habitables.