Mañá xa será tarde

Juan Añel e Xavier Labandeira TRIBUNA

OPINIÓN

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O xa famoso gag cómico de José Mota de «hoy no... mañana» ben podería ilustrar o problema ao que nos enfrontamos na loita contra o cambio climático, en realidade unha guerra civil, porque pelexamos contra nós mesmos, os seus causantes. Para algúns, estamos gañando a guerra: por esforzo internacional, incluso redobrado ante as propostas trumpianas, e pola concienciación crecente da sociedade. Pero é máis probable que gañemos algunha batalla e acabemos perdendo a guerra, convertendo o noso planeta nunha pedra inhabitable. Son moitos os colegas científicos que levantaron a voz e apuntaron a esta posibilidade ao longo dos últimos anos, algúns chegando ao extremo de suxerir a necesidade futura de abandonar a Terra. Alarmistas, dirán moitos, e non obstante xa temos refuxiados climáticos en moitos lugares: arredor de dous terzos das operacións da Acnur nos últimos vinte anos tiveron como causa eventos cunha probabilidade aumentada por mor do cambio climático. As persoas que tiveron que abandonar os seus fogares por estes motivos triplican a poboación de España.

Como todo é susceptible de empeorar, podemos chegar a un punto no que a situación se volva incontrolable, porque o clima é un sistema complexo e «rancoroso»: por exemplo, os océanos poden gardar os danos causados ao planeta durante un longo período antes de devolvelos ampliados. Resulta que o mañá que agardabamos onte non é tal, resulta que está a voltearse inesperado e para mal. O verán de 2018 quedará rexistrado como un período de extremos moi preocupantes.

No Ártico medíronse temperaturas de 32 graos en xullo. No Reino Unido, e no norte de Europa en xeral, uns meses abafantes deron lugar a varias entradas na Wikipedia. O Xapón, un país con posibles, declarou a vaga de calor como desastre natural, con case 40.000 ingresos hospitalarios e 80 mortos nas primeiras semanas de agosto. E poderiamos seguir con máis exemplos ao longo do globo. Algúns dos principais medios internacionais sinalaron que a humanidade xa non ten control sobre o problema e que a guerra está a perderse. Simultaneamente apareceron novas evidencias científicas que apuntan na mesma dirección. Porque é posible, debido ao mencionado rancor do planeta (tecnicamente «efectos de retroalimentación»), que as consecuencias do quentamento sexan moito peores das previstas, ou poderían ser as dos escenarios máis negativos. E iso asumindo que a humanidade é capaz de manterse nos niveis de emisións que pensamos compatibles cos obxectivos de París, algo que para moitos xa está fóra do noso alcance. O recente informe do Grupo Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC) sobre 1,5 °C apunta así á necesidade dunha acción radical para reverter o forte incremento de emisións.

Por iso sorprende que o Parlamento dun país desenvolvido como Galicia teña aprobado cunha folgada maioría, e sen ningún voto en contra, unha moción para reclamar o mantemento das centrais térmicas de carbón (importado) que operan no seu territorio e que son verdadeiras fábricas do cambio climático. Como tamén sorprende que certos líderes políticos de ámbito estatal rexeiten o aumento dos impostos ao diésel, moi necesarios para que o transporte deixe de ser o principal causante de emisións precursoras do cambio climático, «por prexudicar aos pobres».

Os postos de traballo e a protección dos desfavorecidos non deben empregarse como unha escusa para obstaculizar a acción inmediata contra o cambio climático, porque é posible definir medidas efectivas que permitan unha compensación dos afectados. É niso no que se deben concentrar os políticos, non en actitudes reactivas que son pouco presentables e non levan a ningures, porque non haberá maneira de parar a marea que nos leve a sociedades descarbonizadas no medio prazo. É imprescindible abordar esta mudanza hoxe e non mañá, cando sexa demasiado tarde.