A arte da boa política vai a menos en todo o mundo. Nada atoparemos hoxe en Gran Bretaña semellante a Macmillan ou Wilson, a Mitterrand en Francia, a Khrushchev en Rusia, a Willy Brandt en Alemaña, a Aldo Moro en Italia ou a Kennedy nos EUA, por máis que ningún deles fose santo da nosa devoción. Pero eran políticos.
Calquera comparanza cos de hoxe é desavida, cando non unha caricatura: Trump nos EUA, Cameron ou May en Inglaterra, Putin en Rusia, Macron en Francia. Non falemos xa de Italia, Polonia, Hungría e por aí adiante. E do que pasa na nosa casa, mellor será nin suxerilo. O que ocorre na UE non deixa de ser suma de todo. Ben pensado, un diría que un alporizado trebón levou por diante toda a intelixencia política.
Sen dúbida que as causas son moitas e non sempre as mesmas en cada país. Pero, entre as máis comúns, coidamos que se adianta o crecente aumento do poder financeiro sobre decisións dos partidos e sobre os políticos, en especial por dous camiños: facilidades para créditos que eviten subir impostos, nunca ben recibidos, e polo engado de moi eficaces portas xiratorias.
Non hai dúbida de que é a democracia a que, nesa situación, é atacada na súa mesma cerna. E con ela dereitos que se tiñan por intanxibles -os dereitos humanos fundamentais, por exemplo-, sen os que a democracia non ten sentido. No mundo de hoxe é visto que a democracia lle pode chegar a estorbar a certos poderes.
Todo isto é moi grave, e sen dúbida é moi difícil saír dese tangaraño en que nos nosos tempos estamos enguedellados. Primeiro de todo, teremos que ser conscientes desa realidade e, segundo, combatela, por máis que a día de hoxe non dispoñamos de medios, nin sequera de ideas para eses fins. A nosa crise non é so económica, infelizmente.