A década do naufraxio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a creba de Lehman Brothers pasaron moitas cousas que nos cambiaron o futuro, pero non todas foron novas. Os historiadores familiarizados cos anos trinta temos a sensación do xa visto ou xa lido. Tamén os que indagaron crises históricas anteriores. Os científicos sociais identifican as reaccións humanas fronte ás crises cos comportamentos nun naufraxio. O cine retratou esa loita pola vida na fase máis dura da crise en A vida de Pi, pero suavizando, como mandan os tempos, o dramatismo bélico do Náufragos de Hitchcock. Na década anterior á crise, Titanic narraba o naufraxio na clave dos que se crían inmortais. A vida de Pi fixo unha fábula da humanidade depredadora que estaba sobrevivindo ao naufraxio. Pero o resultado da crise non daba para moitas fábulas e por iso, máis recentemente, No corazón do mar narra a crúa historia de supervivencia duns pescadores de baleas de Nantucket perdidos no Pacífico hai dous séculos.

A carga das consecuencias da crise nas clases medias e traballadoras xa non chama a atención, por moito que asombre a asunción resignada sen as grandes protestas sociais do pasado. As dificultades da esquerda e da dereita, e tamén dos sindicatos, para afrontar os conflitos provocados pola fin da prosperidade colectiva e o empobrecemento de amplas minorías semella que só están empezando, aínda que cando apareceron Syriza en Grecia ou Podemos en España parecían respostas directas e capaces a esa situación. Dez anos despois, as consecuencias políticas da crise que están a fraguar son máis que preocupantes. De como se resolvan dependerá a definición futura dos Estados e o seu papel, así como o seu control e o dos seus aparatos. Os indicadores son estarrecedores. A vocación por saír a frote dunha crise non é novidade, aínda que o éxito da capacidade depredadora do capitalismo -aquel que Sarkozy quería reformar- poida asombrarnos cada vez máis.

A identificación política dos culpables da crise sempre require da súa personalización. De Suecia a Nova Zelandia apúntase aos inmigrantes. Volve ser o outro o responsable a quen culpar do mal, a quen devorar no naufraxio. As causas da crise mestúranse coas consecuencias que provoca. Os foráneos sempre son os bárbaros cos que asustar. É a solución máis antiga, a mellor inscrita nos códigos atávicos de comportamento dende a caída do Imperio romano. Máis próximo no tempo, o crac do 29 estivo precedido en Europa da grande crise que acompañou á fin da Primeira Guerra Mundial. Nos imperios derrotados, e tamén nalgúns vencedores, identificouse aos bolxeviques como os novos bárbaros, pero alguén en Alemaña atopou un culpable aínda mellor. Os xudeus reunían os mellores requisitos para ser chibo expiatorio: diferente relixión e cultura, ancestral e arraigada tradición de culpables, aínda por riba parte visible das elites como banqueiros, científicos ou músicos. Minoría de privilexiados culpables, coma os armenios. Aquela minoría de ridículos nazis identificou outra minoría como culpable e funcionoulles.