Hai uns días quedei de pedra coas novas que inundaban todos os xornais, televisións e redes sociais. Vigo vai colocar o seu alumeado decorativo do Nadal. Si, aínda quedan meses, pero queren facelo con tempo e facelo ben.
De súpeto leo, vexo, escoito o alcalde da cidade facer unha enumeración inxente e estrambótica de todo o que vai colocar pola cidade adiante. Non só iso, senón que reta ás demais cidades do mundo a quedaren relegadas ante o seu despregue. Mentres na maior parte dos concellos do país poñen en práctica a idea do aforro, do consumo non excesivo, da minimización da contaminación luminosa, do control do gasto..., na cidade olívica botan a casa por fóra e colocan eles todas as luces do universo. Unha estratexia do alcalde de Vigo coma tantas outras que xa ten desenvolvido nestes anos. Unha desas ideas que se lle alumou na cabeza, nunca mellor dito.
O que máis me custa aceptar é que abra os noticiarios das canles televisivas, que ocupe tantas liñas nos xornais e que se converta en tendencia nas redes sociais. Como non hai corrupción, tráfico de títulos académicos nin problemas dos que falar, nós centrámonos nas luces do alcalde de Vigo.
Quen ten máis culpa? O que se considera un iluminado ou os que lle dan corda? El asegura, e todos asenten, que se van ver desde unha nave espacial, non en van será a iluminación máis espectacular de todo o universo.
Pode que el sexa doutro planeta, certo. Pero de marcianos tamén é o fasto que se monta ao seu redor. Roza a mofa e o ridículo.
Non vale todo.