Maruxa preguntou «esa árbore que tes aí plantada, que é?», e eu respondinlle cun «Ginkgo biloba, a árbore da memoria que che plantou a túa neta». Entón a Maruxa escachou coa risa, e con bágoas de ledicia (creo) dixo «pois non debe de ser moi boa porque sempre che estou a preguntar o que é».

Hoxe é o Día Mundial do Alzhéimer. Durante todo este mes as organizacións vencelladas aos diferentes tipos de demencias tentan achegar á sociedade a situación e a problemática relacionada coa enfermidade. A Organización Mundial da Saúde lanzou hai un ano o plan de acción mundial sobre a resposta de saúde pública á demencia 2017-2025, cunha visión moi sinxela: «Lograr un mundo no que (...) as persoas con demencia e os seus coidadores vivan ben e reciban a atención e o apoio que precisan». A primeira das súas sete liñas de actuación é «a demencia como prioridade de saúde pública» e a segunda «a sensibilización e adaptación á demencia». Os datos son angustiosos, tanto a nivel global como local: na nosa Galicia avellentada é unha enfermidade coa que convivimos acotío, pero, se a OMS puxo un plan de acción en marcha para reducir o impacto da demencia na sociedade, entón coido que, como sociedade, debemos seguir empurrando para que aparezan políticas de axudas dignas para os familiares e os enfermos.

Son a pequena de catro irmás. Se afrontar a demencia da nosa nai foi duro para nós, non podo imaxinar como é para os que non teñen oito mans na casa para axudar. Esa é a obriga das nosas institucións: apoiar, financiar, axudar e cumprir coa sinxela meta da OMS: que as persoas con demencia e os seus coidadores «vivan ben e reciban a atención e o apoio que precisan».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Alzhéimer