Ollo por ollo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

A lei do talión é a denominación tradicional dun principio xurídico de xustiza retributiva no que a norma impuña un castigo que se identificaba co crime cometido, obténdose deste xeito a reciprocidade. Como talión vén de talis, que significa idéntico, o que indica é que se le dispón unha pena idéntica. De aí chegamos ao «ollo por ollo, dente por dente», usándoo para aplicar a xustiza pola man, algo que, normalmente, trae consecuencias moi graves. 

Non aplicamos a subxectividade. Coma Fenati, o piloto italiano de Moto2 que considerou que o seu rival, Manzi, non tivera un trato xusto con el ao longo da carreira e pensou: vouche facer o mesmo, podo ser tan desagradable coma ti.

E a cousa fóiselle das mans. Literalmente das mans, pois cunha delas decidiu activar o freo da moto do seu rival, que rodaba a uns 200 km/h. Puido matalo.

Un despiste a esa velocidade acaba con vidas sen dificultade. Unha freada así é un muro. Sancionárono.

Non o quere o seu propio equipo nin o que o ía fichar. E daquela el di: chegou o momento, adeus.

Non, Fenati. Non chegou o momento.

Fixéchelo rematadamente mal. Se me parecen unha barrabasada as habituais faltas no campo de fútbol, xa non me quedan cualificativos para definir a túa actitude.

Hai deportes que ás veces dubido que sexan deportes. E está claro que hai deportistas que non saben para nada o que é a deportividade.

Non vale laiarse alegando que non se preocupan por ti, pola túa dor. Es consciente de que puideches matalo?

Isto non é deporte.

Hai deportes que ás veces dubido que sexan deportes. E está claro que hai deportistas que non saben para nada o que é a deportividade