Sen canción

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Din que este verán quedou sen canción. Si, si, que non houbo un éxito que asolagou todas as emisoras de radio, bombardeou todas as praias a través dos altofalantes, fixo que os negocios parecesen o mesmo porque en todos soaba a mesma ladaíña, non se instou a toda canta orquestra tocou en festas a cantar unha e outra vez o mesmo tema... Vaia, que foi un relax. Eu diría, de feito, que foi o verán da música. Porque que non nos bombardeen continuamente cun só tema que, case con total seguridade, acabaremos esquecendo co primeiro uso da bufanda, deu pé a escoitar moitas máis opcións.

 

Así que é un agasallo para os oídos e a mente.

E, que eu saiba, non se detivo o mundo por non ter unha canción coa que identificar o verán. De feito, moita xente non se decatou de que non existía ata que lle preguntaron por ela.

E así cadaquén ten máis sinxelo elixir o seu propio tema do verán, algo que ata o de agora era complicado, posto que, en canto nos preguntaban por el, comezaba a soar nas nosas cabezas o último éxito estival.

Non se preocupen, non quedamos sen canción, estamos a darlle oportunidade a distintas melodías, distintos estilos, distintos cantantes.

Que marabilla! Na diversidade está a riqueza, sempre o dixen. E xa que estamos, traslademos isto a outros campos da nosa vida e permitamos que a xente teña distintos gustos, tamén políticos.

A diferenza de ideas pode facernos medrar.

Poñernos no lugar dos demais é un exercicio ás veces sinxelo, ás veces complicado, pero sempre necesario.