Proxectos pouco atractivos

OPINIÓN

27 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se sabemos idear un proxecto atractivo para a maioría da sociedade e se sabemos comunicalo, chegar á xente, e se pode ser, entusiasmala e que o vexa como esperanza real, parece imposible que ese proxecto fracase, ou que non teña acollida. Ao meu ver, é aquí onde os nosos políticos teñen fracasado. 

Non se nos oculta que o problema é complexo, como complexa é a realidade social do país, e o mesmo as situacións de interdependencia que nos condicionan, incluída Europa. E unha das complexidades, supoño, porque non estou certo de que así sexa, é que as opcións políticas galegas están en moita peor situación para chegar á sociedade, para influír nela, para convencela.

Estes partidos están moi lonxe da asoballante publicidade dos de penetración foránea. Feito evidente e que non podemos esquecer.

Razón de mais para que o noso ofrecemento á sociedade galega en procura da súa transformación teña que ser moi claro, coa finalidade de que poida ser doadamente asumido. Se os medios para poñelo en práctica non son poderosos, ou o son menos ca os de outros, haberá que subliñar claridade, síntese e mensaxe a transmitir.

Galicia ten, queirámolo ou non, guste ou non guste, unha interdependencia clara co resto de España e coa Unión Europea. Non sei de ningunha política deseñada coa finalidade de obter un bo encaixe desas tres realidades. Nese mapa, apenas suxerido, inscríbense algúns dos problemas concretos que pretendemos seguir tratando.

Sempre me pareceu, e podo estar nun erro, que na política galega primaba a ideoloxía sobre os programas ou posibles solucións concretas ofertadas. E sigo pensando que aí está unha das razóns do pouco entusiasmo da nosa sociedade, tan conservadora, por suxestións que lle poden semellar fóra da súa realidade.