Dende hai un ano anda crecido. Non hai quen lle tusa ao Mariló. Ao principio, cando empecei a escribir esta columna na que el é protagonista, non era así. Mesmo criticaba as súas aparicións nesta contraportada, asegurando que as historias da cuadrilla non sairían de Verín. Porén, algo mudou. E el, que é finísimo, decontado o percibiu. Aproveitou as vacacións para observar os hábitos dos lectores. A maioría empezaba a ler o xornal pola contraportada. Sería así en todas partes? Dedicou moitos xoves a viaxar por Galicia. Efectivamente, os lectores demorábanse coa contraportada. E empezou a sacar peito. Un día, nunha cafetería do paseo de Silgar, díxolle a unha lectora: «Ese son eu, señora». «Perdón, que dicía?», contestoulle a dama. Invitouna ao café e camiñou a outro bar. Cada paso que daba era máis fatuo que o anterior. Ao regresar a Verín comentounos que se estaba convertendo nunha celebridade. Non mentía. Non é a primeira vez que no Entroido ou nas festas do verán alguén pregunta por el. Son moitos os que queren fotografarse co personaxe máis popular desta columna. Está altivo. Tanto que o ano pasado, na feira do viño de Monterrei, dirixiuse ao presidente da Xunta. Berroulle dende lonxe: «¡Feijooo, son o Mariló!». Os da cuadrilla non sabiamos onde meternos. O Juan Ramón foise cos seus colegas catadores. O Valentín dixo que tiña que ir buscar á Susi. Eu avermelleime. E máis cando vin que o presidente da Xunta camiñaba cara a nós. Pensei que os servizos de protección ían reprendernos. Pero non. O presidente Feijoo amosou o seu mellor sorriso. Estendeu a man cara ao meu amigo. E, para abraio dos presentes, dixo: «Xa te coñezo, Mariló». Dende aquela, non hai quen lle tusa.