Aretha: o poder do Hot

María Xosé Silvar, Sés AL DÍA

OPINIÓN

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non creo que ofendese a Deus cando decidín mudar de estilo hai dous anos; á fin e ao cabo, o soul naceu coa escravitude e o sufrimento do meu pobo», afirma Franklin en 1961, nun artigo no que fala da súa evolución musical.

Aretha medra na igrexa da que seu pai é pastor nun momento no que os templos son para os afroamericanos algo máis que culto e espiritualidade: son ademais discurso, identidade e cultura. Alí aprende que a súa cor non é nada do que avergoñarse, que a discriminación e a violencia deben rematar e que só alzando a voz poderán ser erradicadas. Ela erguerá a súa -privilexiada como poucas- cantando, e desde ese momento non será posíbel entendela sen ter en conta o seu activismo.

A raíña, como a alcumarían nos EUA, sabía que era negra cando acompañaba a Luther King nos seus actos políticos, sabía que era muller cando esixía respect, e convidaba a pensar en cancións que, se ben chegaron até nós desideoloxizadas, foron no seu momento e lugar himnos de feminismo e negritude para unha comunidade que loitaba unida e cría que A change is gonna come.

Para transformar a dor en poder, como ela o fixo, non só se precisa o virtuosismo dunha voz cun rexistro tonal de catro oitavas, fai falta o valor de SER, de ser verdade, de aceptar, coñecer e amar a propia identidade, individual e colectiva, aínda que esta sexa desprestixiada e maltratada.

Hoxe que os músicos queren ser cool, seguen chorando a morte de ídolos hot e adoran mitos que proviñan de culturas humilladas, e que, lonxe de renegar da súa condición, foron estandartes do orgullo identitario. E, mentres os adoran, a maioría fai o contrario.

Aretha Franklin cantou orgullosamente como unha muller negra e afroamericana, como unha negra que nunca cedeu ante un sistema que tentou facela avergoñarse da súa orixe, da súa cor e da súa cultura. É por iso que a súa poderosa voz é imposíbel de apagar, porque nunca poderá o verdugo cantar coa intensidade do condenado.