Non sei se é a idade, o descrédito, o desencanto, o cansazo, a perda de ilusión... ou todo xunto, pero xa non me enfado coma antes. E, sinceramente, dubido que iso sexa bo. Antes revolvíame por dentro e enfadábame enormemente polas inxustizas e os absurdos.
Quizais porque aínda cría que podían mudar, cambiar. No máis profundo da miña inocencia (que xa non ha quedar moita) confiaba en que a sociedade volvería reconducirse, caer da burra, levar un lapote coma un mundo e espertar. E volver a eses anos nos que a xente se sacrificaba, se axudaba, loitaba e quería e facía por construír un mundo mellor.
Xa non. Que nos mintan e nos queiran facer pasar por parvos xa non me acende.
Que os valores nos que eu cría e nos que intento educar a miña nena non sexan os que priman na sociedade xa non me aflixe, aínda que me doe.
Que o que importa é o postureo, o superficial, a parvada frívola, en lugar de mirar no fondo dunha persoa... xa o dei por perdido.
Sinto que sexa así, pero contra os sentimentos non podo loitar. Agora ben, hai un límite. Un límite, perdoen que o diga así, á estupidez humana.
E cada un que faga o que queira, pero poñer en risco a vida dun por facer unha selfie (autofoto gústame moito máis) ou un vídeo para conseguir seareiros nunha canle de Internet... está ao límite da intelixencia.
Pero peor é aínda que esas actuacións irresponsables e perigosas poñan en risco a vida dun terceiro, deixen orfos ou produzan estragos na vida dos demais sen volta.
Parvos vale. Pero sen atentar.