Arde Europa

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na vaga de incendios forestais que percorre Europa, de Escandinavia ao Peloponeso e de Fisterra a Siberia, non busquen culpables, busquen explicacións. E canto antes mellor. A creación dun centro Europeo de coordinación e dotación contra o lume foi unha boa idea, as medidas preventivas e a dotación de medios está ben, pero non resolven o problema na dimensión que está a adquirir. Buscar culpables para acusar e condenar só serve, como vimos en Grecia coa vaga de lumes anterior a esta, para lavar a cara antes de volver manchala. O conto dos lumes intencionados vén sendo só unha estratexia de comunicación política para saír do paso que non vai ao fondo do problema.

Os lumes do sur de Europa asolan Portugal, Grecia e España pero non Italia, agás ocasionalmente na súa punta siciliana. A explicación do historiador non abonda pero axuda: nos tres países asolados polos incendios forestais as políticas autárquicas e repoboadoras de hai décadas foron continuadas como ecolóxicas insensatamente ata hoxe en día. Un proceso en tres actos que cambiou a paisaxe rural dos tres países na segunda metade do século XX. Pasouse dunha obsesión repoboadora como política estatal forzada polas ditaduras a unha adoración do bosque e das árbores como un ben indiscutible. Pretendidamente natural, antes, e pretendidamente ecolóxico, agora. No medio o grande éxodo rural cara as cidades ou de emigrantes que abandonaron en masa o rural para traballar na emigración ou embarcados. Un rural sen xente, abandonado e replantado, cheo de árbores onde había cultivos, pastos, monte baixo e tamén devesas posiblemente nos últimos catro ou cinco séculos como mínimo. Ordenar o monte é contraditorio con deixar a monte. A linguaxe nunca se equivoca.

A esta desorde imposible de ordenar hoxe engadiuse un novo factor. O cambio climático afecta non sabemos aínda canto nin como pero afecta ao punto de provocar o que xa se denomina unha nova xeración de incendios, como os do Peloponeso, como os do centro de Portugal, como os de Galicia. Que arda Escandinavia e Siberia non é casual nin intencionado pero parece ter unha dirección directa co cambio climático e con períodos de seca extrema onde non eran adoitos. É hora de mudar o conto, de modificar a percepción sobre a bondade inalterable e natural das árbores como primeiro paso para afrontar o problema que se nos vén. Recoñecer que se trata de plantacións e non de bosques. Acción humana vinculada a intereses, desvinculada da acción da natureza. Pero o máis importante é empezar a buscar explicacións para entender que está a pasar e procurar solucións antes de que o lume devore zonas enteiras do territorio. Sinto o catastrofismo pero a iso é ao que nos abocamos en moitas zonas de Ourense ou das Rías Baixas. Si das rías. Cando vaian ás praias non miren ao mar, miren ao monte e repararán. Circulen pola autovía do Barbanza ou pola do Morrazo e miren ao lados pensando nun incendio como os de Grecia ou Portugal. Circulen pola AP9 e reparen na diferenza ao norte e ao sur de Santiago. Hai que empezar a talar antes de que sexa tarde.