Excesos do feminismo?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

30 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As reivindicacións feministas dos últimos anos provocaron por unha banda unha maior concienciación de mulleres e homes, que se sumaron a movementos como o de Me too, e por outra unha corrente de opinión bastante ampla que considera que as feministas «pasáronse da raia» ao considerarse ofendidas, por exemplo, se alguén lles di na rúa «guapa!». 

Nas redes abundan os chistes que caricaturizan a postura de reivindicar o dereito a non ser molestada con comentarios non solicitados. O último que recibín no meu móbil di : “Deille os bos días no ascensor a unha compañeira de traballo e o sábado teño que ir declarar no xulgado”. Unha profesora de cincuenta anos, persoa a quen sempre considerei de bo criterio, escríbeme comentando o meu artigo sobre os piropos: «Cuando era joven, me resultaban incómodos, después me divertían y ahora me halagarían». Entre as mulleres da miña xeración, xa todas avoas, esa é a opinión máis común.

Eu confésolles que non sei onde se pode poñer o límite. No Século de Ouro, os cabaleiros desenvaiñaban as espadas por unha mirada que lles parecía ofensiva. E hai miradas masculinas que realmente o son para unha muller e ante as cales non se pode facer outra cousa que ignoralas.

É posible que as feministas caésemos nalgún exceso, pero creo que iso servirá para compensar tantos anos de aguantar comentarios que só poden cualificarse de obscenos. Así poderemos chegar a un desexable e equitativo termo medio.